Os traballos de Carlos Seoane na Pedra da Ra e no Lavadoiro de Artes, en Ribeira, finalistas na Bienal de Arquitectura

En Ribeira, a posta en valor do Lavadoiro de Artes e os traballos de accesibilidade na Pedra da Ra, a carón do miradoiro do Monte da Cidá, veñen de obter un importante recoñecemento ao ser elixidos finalistas na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, que vai pola súa quinceava edición e que vén da man do Ministerio de Transportes e Mobllidade en colaboración co Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España. Dáse a circunstancia de que os dous traballos distinguidos foron proxectados por Carlos Seoane. Ribeira sería o único municipio que consegue incluír dúas iniciativas na listaxe última de nomeados: 70 en total de 581 propostas que foron presentadas.

Polo que se refire ao Lavadoiro de Artes, Seoane proxectou unha bancada en “V” para fomentar a interacción entre as persoas que o visiten. A proposta quixo recuperar a construción como “un espazo onde a auga circulante do río sexa a protagonista dándolle ao lugar unha dimensión sobre todo social pero tamén de reflexión, no que presenza dunha corrente sosegada de auga de 30 mt de lonxitude á sombra das árbores permita un estado de percepción distinto”. O material básico utilizado foi granito silvestre de Barbanza.

En canto á intervención emprendida en Pedra da Ra (denominada “O Banco do Piñeiro”), a intención principal residiu en “construír un camiño accesíbel acompañado dunha varanda para axudar ao movemento das persoas con algunha minusvalía de xeito que esta contorna de importancia identitaria poida ser participado por todos os veciños independente da súa mobilidade”. A idea foi construír o mínimo para lograr xerar o maior interese e “provocar percepcións distintas e así entender todas as dimensións deste lugar, visuais, acústicas, olfactivas, etc.

O punto final do camiño marcouse cun banco de pedra cúbico e unha varanda metálica de protección para os visitantes en cadeiras de rodas.

O Concello de Ribeira lembra que a intervención anterior levada a cabo no miradoiro de Pedra da Ra (tamén con proxecto de Carlos Seoane) xa foi merecedora de diversos galardóns como o Premio FAD de Arquitectura, o Premio COAG do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ou o Premio Enor.