Os populares de Barbanza afrontan o inicio da desescalada coa mirada posta na economía local e o turismo


O presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo, participou onte en Noia nunha reunión de traballo con alcaldes e portavoces da súa formación en Barbanza.
Durante o encontro, ao que tamén asistiu o vicesecretario de Organización e Territorio, Evaristo Ben, ambos puxeron en valor o labor realizado polos alcaldes durante a longa pandemia sanitaria. “Os concellos son a administración máis próxima aos cidadáns e os alcaldes os que mellor coñecen a realidade dos seus veciños”, apuntou Calvo, que asegurou, sen ningunha dúbida, que os rexedores populares de Barbanza “estiveron e están á altura das circunstancias”.
En canto ao labor dos portavoces, tamén quixo destacar a súa actitude e colaboración “fiel e construtiva” cos gobernos municipais, demostrando que “independentemente da administración na que nos atopemos, os membros do Partido Popular sabemos e demostramos que temos vocación de servizo público”.
A reunión serviu tamén para poñer en común as inquietudes para a desescalada e volta á normalidade que se inicia agora de forma paulatina, cuestión na que os alcaldes coincidiron en tomarse “con todas as precaucións e coa mirada posta na reactivación do comercio local e do turismo”.
Neste sentido, destacasen o potencial turístico da zona e as fórmulas posibles para apoiar a economía local xa sexa a través de axudas directas, subvencións, bonos para o consumo ou a execución de calquera outra medida destinada aos sectores máis prexudicados pola pandemia. En relación coa economía, tamén tiveron palabras para a situación da factoría de Jealsa, un dos motores económicos da comarca. “Estamos preocupados pola situación e poñémonos ao dispor da empresa para todo o que poida necesitar”, explicou Calvo.
Actividade cultural
Tanto os alcaldes como os portavoces mostraron a súa preocupación pola forma en que, paulatinamente, póidase recuperar a actividade cultural para os meses de verán, pois é a tempada que concentra maior oferta a nivel
municipal tanto para os máis pequenos como para os maiores.
“Estamos xa traballando en como poderemos buscar fórmulas seguras para os nenos, xa que os concellos sempre ofrecemos alternativas para a conciliación laboral cando acaba a época escolar”, aseguraron os alcaldes, que,
segundo explicanron, poñerán en marcha un método de traballo “ao ritmo que nos permita a situación sanitaria e a normativa”.

Noia acolleu o encontro de alcaldes populares do Barbanza