Os nosos concellos e a Xunta locen tesouros ambientais, históricos e xacobeos en FITUR

Esta semana (a partir deste 19 de maio) celébrase en Madrid (no IFEMA) unha nova edición de FITUR (a edición 41), o marco de presentacións turísticas máis relevante do ámbito estatal e, sen lugar a dúbida, un dos máis potentes a nivel internacional. Neste espazo de gran visibilidade a nosa comarca quixo ser, tamén, unha das claras protagonistas. Foi da man de Gonzalo Trenor, o delegado da Xunta na Coruña, e das mancomunidades de Barbanza Arousa e da Ría de Muros e Noia, que salientaron os tesouros naturais, gastronómicos e de lecer da nosa contorna xeográfica, amais de enxalzar o seu carácter indiscutíbel de “destino seguro”.

A presentación das propostas turísticas das dúas beiras do Barbanza e dos moitos atractivos dos seus camiños xacobeos marítimo-terrestres celebrouse na caseta da Xunta, un stand de mil metros cadrados que serve de escaparate para mostrar a oferta turística de Galicia e as súas posibilidades, ao coincidir a recuperación do sector coa celebración dun dobre Ano Santo.

Trenor destacou que “estes días Galicia mostrarase como un destino turístico seguro co Camiño como refuxio de peregrinos, grazas ao traballo realizado nos últimos meses para adaptar os albergues e os roteiros ás condicións sanitarias esixidas pola pandemia e co seguro coronavirus, que garante aos turistas cobertura en caso de contaxio ou corentena”.

No caso da nosa comarca, apuntou que “o Barbanza conta con todos estes recursos polo que cumpre con todas as condicións para captar un turismo de calidade que busca viaxar sen présas e aproveitar todo o potencial das zonas que visita”.

Dúas propostas complementarias

Como dixemos, Trenor participou na tarde deste 19 de maio en dúas presentacións, concretamente na de O itinerario cultural a Santiago da Ría Muros-Noia, organizada polo xeodestino Ría de Muros-Noia, e na de A Orixe, organizada pola Mancomunidade Barbanza-Arousa

Respecto do primeiro itinerario, dixo que “é un espazo ao sur da provincia que o ten todo para extractar nunha soa viaxe a esencia da nosa Comunidade”. O representante do Goberno autonómico lembrou “os grandes valores turísticos deste territorio único grazas ao seu mar e aos seus tradicionais portos pesqueiros”, que ademais “ofrece aos visitantes espectaculares paisaxes e unha parte significativa da nosa historia que se descobre visitando os cascos antigos das súas vilas ou o Castro de Baroña, no que podemos constatar que esta ría xa era un bo lugar para vivir hai miles de anos”, engadiu.

Respecto da proposta A Orixe, subliñou que “é a segunda vez que se presenta en FITUR pero desta volta estamos aquí coa importante novidade de que se levou a cabo a oficialización pola Igrexa deste Camiño para poder obter a Compostela”. O delegado da Xunta lembrou que “o Barbanza ten unha íntima relación coa lenda da Traslatio, xa que a barca de pedra co corpo de Santiago Zebedeo remontou a Ría de Arousa”. Nesta liña, felicitou á asociación Amigos do Camiño do Barbanza e Arousa e á Mancomunidade que integra os concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo, “polo seu arduo traballo de investigación, cun gran rigor técnico e histórico, para acadar esta nova ruta que engrandece o patrimonio xacobeo de todos os galegos”. Todos estes ingredientes, dixo, “converten a Barbanza-Arousa no único destino no que se pode obter a Compostela por vía marítima e terrestre”.