O terceiro dos coloquios sobre saúde da Pobra focalizouse no exercicio físico na diabetes tipo II

Na tarde deste venres 21 transcorreu no Auditorio do Museo Valle-Inclán, na Pobra, a terceira das conferencias contempladas nas xornadas sobre saúde e benestar organizadas pola Concellaría da Sanidade e pola Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes (Anedia). Así, Manuel Genaro Gutiérrez Fernández, médico de familia da atención primaria, impartiu a charla Exercicio físico na diabetes mellitus tipo 2.

Ao remate da súa intervención, o relator recibiu dous agasallos con motivo da súa próxima xubilación. O primeiro dos obsequios veu da man de varias das súas compañeiras de traballo e contou coa participación do Concello da Pobra do Caramiñal: mentres que o segundo presente foi cortesía de Anedia, entregado pola presidenta desta asociación, María José Rego.

A concelleira da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceu os seus máis de vinte anos de traballo na localidade e gabou o seu labor e o de todo o persoal do centro de saúde.