Apoio da Xunta a JEALSA tralo incendio da factoría de Boiro. Declaracións do presidente Feijóo

Declaracións do Presidente da Xunta durante a visita á fábrica de Jealsa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o apoio da Xunta a Jealsa tralo incendio o pasado sábado de parte das súasinstalacións e destacou o labor desenvolvido polo operativo de extinción.
Logo de manter unha xuntanza cos responsables do grupo, para coñecer os plans da compañía de cara á recuperación da actividade, Feijóo quixo agradecer tamén o esforzo e compromiso das máis de 60 persoas que interviñeron na loita contra o incendio, entre servizos de bombeiros, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Protección Civil, Servizo
de Prevención e defensa contra incendios, Garda Civil, Policía Local, Policía Autonómica, 061, Gardacostas e medios municipais, entre outros.
“Quero agradecer o traballo de todas as persoas que participaron na extinción de xeito coordinado”, abundou, recordando que o sábado foron mobilizados de inmediato os parques de bombeiros e demais medios de emerxencias ata que o lume quedou controlado ás 20,30, aínda que a extinción continuou ata a noite e os traballos de control seguiron pola mañá do domingo.
O presidente da Xunta quixo aproveitar a visita para destacar a fortaleza e a capacidade de Jealsa, un grupo con máis de 60 anos de historia que conta con marcas tan consolidadas como Rianxeira ou Escurís; cunha facturación de 703 millóns de euros e con 5.300 traballadores.
“Estamos a falar dunha empresa que se identifica co nome de Galicia”, dixo, referíndose ademais ao seu proxecto We Sea que opta a captar 100 millóns de euros dos Fondos Next Generation para desenvolver, entre outros, unha planta de biorrefinería mariña. Unha iniciativa que aproveitaría os descartes de alimentos e compoñentes, e tería capacidade
para tratar 240.000 toneladas de residuos.