A Xunta destaca a relevancia da Feira do automóbil híbrido e eléctrico de Ribeira

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá a feira organizada polos empresarios de Ribeira, iniciativa que aplaudiu polo seu obxectivo dinamizador da hostaleira e o comercio local.
O evento, que este ano inclúe tamén o primeiro desfile Ribeira Fashion Show, ten como protagonista a segunda edición da Feira do Automóbil Híbrido e Eléctrico, unha mostra que, en palabras de Conde, contribúe ao impulso dunha mobilidade sustentable no marco da transición ecolóxica.
Neste sentido, o vicepresidente económico recordou que a Xunta aínda ten aberta a liña de axudas da segunda edición do Plan Moves para incentivar a compra de vehículos de enerxías alternativas e a instalación de puntos de carga, unha iniciativa que contará con 23M€ de orzamento na próxima convocatoria. Así mesmo, dentro dos plans do Goberno galego para fomentar as compras de proximidade, Francisco Conde destacou que os establecementos interesados en adherirse ao Bono Activa Comercio aínda poden facelo ata o vindeiro luns 31 de maio. Ata o de agora, xa son 5.200 as tendas que se uniron á iniciativa e máis de 117.000 clientes os que descargaron os bonos desconto de ata 30 euros. No caso concreto de Ribeira, son preto de 70 establecementos adheridos e 2000 bonos descargados.