A Xunta destaca a importancia do proxecto Tanza para o reciclado de plásticos no ámbito marítimo

A Xunta destaca o labor e a colaboración das empresas e entidades do sector pesqueiro e dos centros ocupacionais e especiais de emprego na valorización dos residuos plásticos mariños a través do proxecto de cooperación dos grupos
de acción local do sector pesqueiro Tanza: inclusión social, sector pesqueiro e economía circular. Así o salientaron hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, no marco da xornada Labplast sobre o aproveitamento dos plásticos e unha das accións deste proxecto de cooperación que se celebrou no salón de
actos do campus universitario de Ferrol.
A titular de Mar puxo de relevo a importancia de iniciativas como o proxecto Tanza “para a promoción dunha economía máis verde e sustentable e para pór en valor o aproveitamento dos residuos plásticos mariños recollidos polas confrarías no seu quefacer diario”. Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que “o futuro pasa por converter os residuos en recursos, fomentando esa economía circular baseada no principio das seis erres que abarcan os
conceptos de rexeitar, reducir, reutilizar, reparar, reciclar e o de responsabilidade”.
Deste xeito, incidiu a conselleira do Mar, o Executivo galego busca “crear unha conciencia colectiva nas zonas costeiras desde o triplo eixo ambiental, social e económico para pór en valor os recursos pesqueiros”. Con ese cometido a Xunta leva tempo traballando na loita contra os residuos plásticos no mar con accións como a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2020, unha folla de ruta que conta cun apartado dedicado á redución de plásticos, e a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia.
A isto súmase, engadiu Rosa Quintana, o labor da Consellería do Mar a través do Instituto Tecnolóxico para o Medio Mariño (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), que desenvolven e participan en iniciativas relacionadas coa loita contra o lixo mariño. Unha delas é o proxecto europeo CleanAtlantic que ten como fin previr, monitorar e reducir o lixo mariño e aumentar a sensibilización entre os actores marítimos a través da cooperación rexional.
Outra iniciativa que destacou a conselleira é o Plan Marlimpo, impulsado polo Goberno galego para reducir o lixo mariño a través de actuacións de concienciación e formación ao sector e da mellora dos sistemas de recollida de residuos e da loxística nos portos para facilitar a súa xestión en terra.
Ademais a titular de Mar agradeceu o traballo de todos os integrantes do proxecto Tanza e tamén o da Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol e do Laboratorio de Plásticos da Universidade da Coruña, que colaboran na organización da xornada. A maiores recoñeceu o labor das empresas e entidades do sector pesqueiro e das entidades sociais como os centros ocupacionais e especiais de emprego.
Pola súa banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor a importancia da participación das persoas con discapacidade nunha tarefa de tanto valor como axudar a protexer o medio ambiente. Ademais, salientou que grazas a estas iniciativas “cada día se fai máis real a igualdade de oportunidades, derrubando as barreiras que aínda hoxe nos separan da plena inclusión”.
Neste senso, Fabiola García especificou a vontade de Galicia de ser “unha comunidade verde e social” e asegurou que todas as persoas, “teñamos as capacidades que teñamos, podemos achegar o noso gran de area a un mundo sostible e solidario”.
O proxecto Tanza
A xornada celebrada hoxe dentro do proxecto Tanza ten entre os seus obxectivos coñecer en profundidade o proceso de valorización dos plásticos, entendido como modelo de economía circular participada polo sector pesqueiro e ver a aplicación práctica e a metodoloxía de traballo no tratamento de plásticos no taller que ten o Laboratorio de
Plásticos da Universidade da Coruña en Ferrol. Tamén está entre os seus fins fomentar a innovación a través do deseño de obxectos, útiles, ou outros obxectos para as actividades do sector e reforzar o posicionamento das entidades, o coñecemento mutuo e o traballo en rede.
O proxecto de cooperación Tanza desenvólveno os GALP Mariña-Ortegal, Ártabro Norte, Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible e ría de Arousa e busca promover unha maior empregabilidade de colectivos de inclusión social en actividades vinculadas coa economía do mar. Tamén ten entre os seus obxectivos crear unha conciencia activa no sector pesqueiro en relación ás problemáticas ambientais e da inclusión social e contribuír a un maior aproveitamento do programa de axudas por parte das entidades de inclusión social.