A Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo selecciona 14 obras galegas na convocatoria “Panorama de Obras”, entre elas cinco da comarca

A XV edición da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) publicou a pasada semana a listaxe dos
100 proxectos seleccionados e 70 finalistas da convocatoria “Panorama de Obras”, entre preto das 600 propostas presentadas a unha convocatoria que reflicte o estado actual da arquitectura e o urbanismo en España. Do total de finalistas, un 20% son proxectos realizados en Galicia por arquitectas e arquitectos galegos.
A convocatoria premiará o máis relevante da arquitectura e o urbanismo dos últimos tres anos (2018-2020) cunha selección de 20 proxectos que se darán a coñecer como pistoletazo de saída desta BEAU que se inaugurará aproximadamente nun mes baixo o lema “España vacía, España llena. Estrategias de conciliación”. Exporanse do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Museo Patio Herreriano de
Valladolid. A esta dobre sede física da Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo únese nesta edición un terceiro espazo ( http://labienal.es ) que se converterá en sede virtual desde a que seguir todas as novidades.
A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, sinala que o COAG síntese orgulloso deste recoñecemento ao labor das arquitectas e arquitectos galegos. “As obras finalistas son todas elas exemplo da boa arquitectura que se realiza en Galicia, obras de arquitectos comprometidos con seu traballo e a súa terra, unha mostra do respecto ao contorno e servizo á sociedade” –manifesta–. Así, anima a todas e todos os profesionais a presentarse
ás convocatorias de premios, tanto nacionais como internacionais, como é o caso de convocatorias abertas actualmente como o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxena categoría de vivendas unifamiliares e o Premio de Arquitectura Tejas Vera. Ademais, sobre os Premios COAG deste ano, Ampudia indicou que coa convocatoria xa pechadapresentáronse preto de 200 propostas. Hai 14 obras galegas entre as 70 finalistas.

Lavadoiro Artes

Da comarca están á seleccionados o Lavadoiro de Artes, espazo de relación social para as mulleres do lugar construído nos anos 40 no paso do río Artes na estrada de Ribeira a Corrubedo, lavadoiro recuperado polo arquitecto Carlos Seoane; O banco do Piñeiro, proxecto tamén de Carlos Seoane para xerar camiños nun contorno onde se unen valores patrimoniais diversos –históricos, paisaxísticos e botánicos–, situado en Castro da Cidá na estrada de Ribeira a Carreira.

A lista continúa coa Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Miraflores no Concello de Muros, obra dos arquitectos Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico que dan forma a unha idea de proxecto que busca resaltar a súa identidade, dignificando o preexistente e creando un espazo interior fluído e bañado pola luz e dirixido ás vistas; o Complexo turístico de Albeida, intervención hoteleira no lugar de Albeida no Concello de Outes, no fermoso vértice da ría de Muros e Noia, con nove aloxamentos exentos e de nova planta que deben complementar a rehabilitación de catro construcións tradicionais, obra de Alfonso Salgado e Francisco Liñares.

Banco do Piñeiro

Esta cita cultural, que ten por obxecto servir de punto de encontro entre a cidadanía, a arquitectura e o urbanismo e reivindicar o valor social de ambas disciplinas, está convocada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a través da Dirección General de Agenda Urbana y Arquitectura en colaboración co Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Arquia.
Ver listaxe completa de finalistas, con información e fotografías das obras:
https://labienal.es/edition/xv-beau-espana-vacia-espana-llena/list/finalists/