Xosé Ricardo Losada: “Intentei novelar como creo eu que lle gustaría a Manoel Antonio que fosen os últimos días”

17 Abril 2021

Aínda está reverberando nos medios o éxito da moi notábel novela A casa xunto ao volcán (Galaxia) e xa o escritor e profesor rianxeiro Xosé Ricardo Losada ten novidades literarias que contarnos. Se en A casa xunto ao volcán Losada centrábase en narrar as andainas filosóficas dunha moza adolescente que recala no Instituto de Secundaria de Rianxo, acompañando a súa chegada dunhas lecturas que deixarán fonda pegada e que marcarán a súa vida presente e futura, agora decidiu poñer o foco na figura do poeta Manoel Antonio (Rianxo 1900 – Asados 1930), construíndo unha biografía ficcionada que recrea os últimos meses do autor de De catro a catro. Non é O rosario e a buguina, nas súas palabras, unha biografía ao uso. Máis ben é o resultado dun diálogo íntimo de autor a autor: o que lle tería contado Manoel Antonio a Xosé Ricardo Losada sobre como lle terían gustado que fosen eses últimos meses.

-Xosé Ricardo, na túa nova contribución literaria non marchas lonxe de Rianxo. Poderíase dicir que non che é preciso atopar a inspiración lonxe da túa terra, ao contrario do que aseguran moitas outras escritoras e escritores? É a de Rianxo unha terra inspiradora?

-Levo publicados seis libros como autor e dous como editor literario. Todos ambientados en Rianxo. Supoño que por tres razóns. A primeira, o agradecido que estou de ter nacido nesta terra. A segunda, o pracer que me provoca vivir acotío coa posibilidade de pensar nos meus libros no lugar onde se desenvolven. A terceira, a convicción de que calquera persoa ou calquera lugar merecen múltiples libros.

-Que imos atopar en O rosario e a buguina, tanto dende o punto de vista temático como dende o formal?

O rosario e a buguina é unha novela curta que narra os últimos días da vida de Manoel Antonio, enfermo de tuberculose, en Asados, e céntrase na relación con súa nai, unha relación que sempre fora difícil polas súas antagónicas concepcións do mundo. A acción desenvólvese a partir de dous eixos. Por un lado, o relixioso, pois a nai quere que reciba a extremaunción. Por outro, o literario, pois Manoel Antonio necesita que súa nai comprenda a súa vocación poética.

A nivel formal, está escrita en capítulos moi curtos nos que se alternan as voces de Manoel Antonio e de súa nai.

Portada do libro previo de Xosé Ricardo Losada sobre o inmortal poeta de Rianxo

-A que remite o seu título?

-O título fai referencia ao conflito relixioso que a novela suscita. O rosario simboliza o mundo católico da nai, e a buguina esa dimensión metafísica e misteriosa, ese Mar sen fin, que diría o noso poeta, no que Manoel Antonio acabou derivando a súa inicial fe católica. Pero ollo. Non se titula O rosario contra a buguina. Titúlase O rosario e a buguina. Un matiz decisivo.

-Quedaban moitas cousas pendentes de coñecerse relativas á vida e á obra de Manoel Antonio?

-Debe quedar claro que non intento describir como foron eses últimos días da vida de Manoel Antonio. Intento novelar como creo eu que lle gustaría a Manoel Antonio que fosen eses últimos días. Todo o que tiña que contar e interpretar sobre a vida e a obra de Manoel Antonio está na biografía que publiquei sobre el, Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego.

-Que pasou nos últimos meses de vida do poeta que mereza ser contado?

-Creo que os últimos días de vida de calquera persoa merecen ser contados, sobre todo se esa persoa ten 29 anos, é consciente de que está a piques de morrer, e cre que ten unha profunda débeda filial con súa nai. Paréceme que hai aí unha maior tensión humana que nesa morte do explorador Amundsen no Polo Norte que Manoel Antonio tanto admirou os últimos anos da súa vida. Cando menos, para o tipo de escritor que eu pretendo ser.

-O autor de De catro a catro é sen dúbida un dos grandes autores das nosas letras, para algúns, xunto con Rosalía, o máis grande poeta da historia da literatura galega. Estás de acordo?

-Eu son un simple lector de poesía. Só teño canons literarios persoais. Manoel Antonio é un dos meus poetas de cabeceira. Por que? Porque viviu cunha profunda ferida anímica que nunca intentou curar, pois sabía que non era posible, e converteu a súa psicoloxía na fascinante busca dunha linguaxe, compacta e desarticulada, xenuína e paradoxal, abstracta e lírica, metaliteraria e autobiográfica, que evitase que esa ferida desangrase. Incluso cando non entendía nada do que dicían os seus poemas, sentía neles unha autenticidade que me engaiolaba como engaiola a complicidade dun amigo moi íntimo. Poucos poetas conseguiron en min iso.

-Por que cres que non envellece a obra de Manoel Antonio, porque se mantén intacta a súa actualidade? Cres que esa é a razón de que conecte tan ben coas novas xeracións, e de que siga gustando a milleiros de estudantes de secundaria que abren os ollos ás marabillas das nosas letras e das letras universais?

-Sempre é un misterio saber por que un poeta como Manoel Antonio, tan complexo, pode gustar a tantas persoas. É evidente que o que eu chamo o mito Manoel Antonio pode axudar moito. Pero creo tamén que, como Nietzsche, como Poe ou como Baudelaire, tres dos grandes referentes literarios do noso poeta, Manoel Antonio tivo toda a vida un espírito que conecta moi ben co mundo dos mozos. E os mozos, sabémolo ben, teñen un sexto sentido para percibir quen son da súa condición.

-Para cando estará nas librarías O rosario e a buguina?

-Non o sei con seguridade. O libro gañou o premio Torrente Ballester e debe seguir unha serie de requisitos burocráticos que dependen máis da Deputación da Coruña que da editorial ou do autor. Probablemente, en setembro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

“Cadaquén coa súa idea”. Luís Celeiro

Fóronse onte pola madrugada e arestora aínda non chegaron. Montaron nun avión para ir a “non seionde” e, despois, un tren de longo recorrido levaríaos a outro aeroporto,  para seguir o seuprograma de turismo ofertado por unha das máis importantes axencias de turismo...

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

“Good morning, Baltimore”. Antón Luaces

Este xoves foron recuperados outros dous cadáveres supostamente doutros tantos obreiros da maior infraestrutura marítima de Baltimore, considerada a de máis lonxitude de Estados Unidos, que foi derrubada o pasado martes polo portacontedores "Dalí", que bateu contra a...