
SumaRibeira achegou este 22 de abril detalles pormenorizados sobre as súas alegacións ao PRUX do Parque Natural, que avanzamos os días pasados dende O Barbanza. A agrupación, en liñas xerais, reclama que o plan de usos e xestión do parque recolla o cese da actividade da canteira de Casalnovo e amplíe a xunta reitora a todos os partidos e colectivos interesados. Coincidindo coa celebración do Día da Terra (este 22 de abril), SumaRibeira presentou unhas alegacións que tamén inclúen un plan estratéxico para reactivar e revitalizar a economía, cun selo de calidade de produto natural do parque dunar.
Na presentación do escrito, o concelleiro, Xurxo Ferrón, lamentou que, “malia a boa vontade de SumaRibeira”, non fora posíbel chegar a “unhas alegacións consensuadas entre todos os grupos e os veciños/as afectados”.
A plataforma cidadá que coordina Xurxo Ferrón, logo dun proceso participativo coa xente, rexistrou un total de seis alegacións, entre as que salientou a relativa á canteira de Casalnovo, “pois semella unha incoherencia co propio texto do PRUX que se pase de puntillas sobre o impacto negativo da mesma no Parque e, sen embargo, si se fale do impacto que provocan outras instalacións industriais na zona”.

Asemade, para SumaRibeira, non “é de recibo que o poder político decidira, porque os técnicos si que falaron do tema, que non apareza ningunha previsión sobre o tempo de concesión que aínda ten a canteira nin sobre o seu futuro peche”. De aí que a primeira alegación desta agrupación política sexa “que se utilicen todas as ferramentas legais para o cese definitivo da actividade o antes posible e que se proceda á restauración da zona”.
Marián Santos, membro desta mesma agrupación política, puxo o foco na importancia de que se teña en conta a opinión de todos os/as veciños á hora de regular os usos do Parque e “a necesidade de diálogo para que todo o mundo perciba este complexo como o que é, un dos mellores espazos que ofrece o concello, que debe poder ser desfrutado por todos e todas por igual”.
Para garantir este diálogo, Santos referiuse a outra alegación de SumaRibeira, que pide “a ampliación da xunta reitora a todos os partidos políticos que teñen representación no Concello”, así como “a diferentes entidades e grupos interesados”. Reclamou tamén que se inicie unha quenda de contactos cos propietarios para afondar na posibilidade de que as propiedades afectadas polas restricións poidan pasar a ser públicas e advertiu sobre “o orzamento previsto para o desenvolvemento do PRUX, pois 10 millóns de euros para un plan a dez anos, semella unha cantidade insuficiente”.
Por último, Manuel González, membro tamén de SumaRibeira, lembrou que por ser este 22 de abril o Día da Terra “debemos esixir ferramentas para sensibilizar a todo o mundo de que o Parque é a nosa xoia da coroa, que debe ser protexida pero tamén pode ser aproveitada para obter unha rendibilidade para veciños e veciñas dentro da economía verde”. Neste sentido, fixo referencia á alegación na que se reclama que se “elabore un estudo de viabilidade dun plan estratéxico que sirva para reactivar e revitalizar a economía da zona e a creación dun selo de excelencia de produto natural do parque dunar”.