“Os santos oficios”. Antón Luaces

Este tempo de Pasión, a denominada Semana Santa, sempre se caracterizou en Riveira pola chamada ao recollemento e a asistencia de homes, mulleres e cativos, ós que para os católicos -tamén os protestantes de Castiñeiras- era os Santos Oficios.
Eran datas de procesións e rezos, coa igrexa parroquial ateigada de xente: as mulleres ben vestidas e con veo, os homes con traxe na maioría dos casos, e a obrigada visita as imaxes da Virxe dos Dores e o Cristo deitado no cadaleito de madeira e cristal. Con estas dúas imaxes, que movían á compasión e a dor polo menos neste tempo relixioso, outras máis que, primeiro o coñecido como Sábado Santo e posteriormente Domingo de Resurrección, eran santo e sinal de movemento constante na que viña ser a única igrexa de Riveira, aló polos anos 50 do século pasado.

Era tamén o tempo de grandes concentracións de fieles que acudían ó chamado de don Juan e don José, párroco e capelán respectivamente da igrexa local, mais tamén de sacerdotes -case sempre frades ou misioneiros- que, dende un púlpito que todos os anos se instalaba na daquela praza de Otero Goyanes, máis coñecida como a praza da igrexa. Foi tamén a praza dende a que o coñecido Padre Peyton (Patrick Peyton, sacerdote irlandés-norteamericano que realizou unha campaña mundial coñecida como Cruzada de Oración na que popularizou o dito “a familia que reza unida permañece unida” (el dicía fomilia) co que pretendía introducir nas familias riveirenses o rezo do Santo Rosario) quen sen servirse de ningún outro medio máis que a súa propia voz -forte, espléndida, sonora- facíase escoitar por todos os asistentes.

Procesións e datas nas que, quen podía, estreaba vestidos e traxes para levar ás manifestacións católicas -outro tipo de manifestación non se permitía-, cuxo culmen estaba na crucifixión e descendemento da cruz de Jesús Nazareno. Unha enorme cruz pintada en negro na que sobresaía a figura pálida, magnífica, dun Cristo que só José de Benigno, veterano e coñecido carpinteiro local, podía asegurar mediante un xogo de “poleas” baseado no movemento que imprimía au sudario, pasando este polas axilas ata deixalo perfectamente “clavado” na cruz. Unha imaxe inesquecible, perfectamente visible, coa cruz ben “cravada” fronte a entrada a igrexa, onde existía un burato na pedra da escalinata de acceso ao adro dende a praza.Para o descendemento, bastaba unha manobra ao revés do anteriormente realizado, e a introdución do corpo sagro na urna de cristal anunciaba cada ano a  procesión posterior, xa entre o lusco e o fusco, polas rúas daquela Riveira con edificios de un ou dous andares entre os que destacaban a sede do Banco de La Coruña (posteriormente Banco de Bilbao), o pazo de Otero e, xa en Padín, o coñecido como rañaceos, de catro andares.Eran días de absoluto silenzo.

Semana Santa anos 40 en Ribeira. riveira.eu

Nen un asubío, nen un canto, as emisoras de radio que se sintonizaban en Riveira e a contorna con programación de música clásica, música relixiosa, música folclórica non estridente, e as salas de festas -daquela non había discotecas- pechadas. Eran días adicados a Deus, aparentemente moi participados.Un estalido de alegría se producía após o “encontro” da Virxe co Fillo e toda a corte de santos e santas, que se realizaba na xa citada praza de Otero Goyanes, especialmente na que era a “terraza” da cafetería Nordeste. O máis grande en tanto que estoupido de ledicia era o repique ou repenique das campás da ingrexa, acto no que sempre se evidenciaba a mestría de Albino, o sancristán por excelencia, que tocaba as campás como Mozart podía tocar o piano, se se me permite a comparanza (que non quer ser tal).

A partir de aquí, o sorriso poñíase novamente nas facianas, a cativería podía retomar os xogos e os homes reanudaban a actividade en bares, tabernas e cafetarías.

Así un ano detrás doutro, ata que a novidade quedou marcada pola chegada a Riveira do “paso” de Noso Pai Xesús no Horto, ao que se percurou acubillo a escasos metros do cemiterio vello, indo cara o cemiterio de Fafián. Con este paso de grandes dimensións, o desencravo perdeu protagonismo e nas rúas riveirense apareceron os fachóns e velas  que acompañaban na Semana Santa  esa escena que moitos entendían era un fiel reflexo do que debeu ser a derradeira noite de Xesús Cristo vivo entre os homes.

Sí, con este paso naceron tamén o confrades que con roupaxes de cor nazareno e con capuchóns da mesma cor e velóns ruaban na compaña de Xesús máis decididamente que debaixo das andas de santos, sen restaren protagonismo ás imaxes da Virxe das Dóres e Xesús.