
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsado pola Fundación RIA co apoio do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago, vén de abrir unha convocatoria de proxectos semente para a promoción de tres iniciativas sustentábeis innovadoras. Disporase de 15.000 euros para o financiamento destas tres propostas. O prazo estará aberto até o 31 de maio.
Como lembraremos, o gran obxectivo do Laboratorio é pescudar na tradición sociocultural e etnográfica da nosa comarca para reivindicar os seus modelos de produción, modelos que non só son vixentes no tempo actual senón que tamén teñen unhas máis que probadas viabilidade, rendibilidade e sustentabilidade.

Que é esta convocatoria?
Unha chamada a iniciativas sustentábeis que queiran desenvolverse nas áreas rurais da península do Barbanza para ofrecerlles apoio técnico e económico.
Que é o Laboratorio Ecosocial do Barbanza?
É un proxecto que procura poñer en valor as lóxicas do manexo do territorio levadas a cabo dende antigo polas comunidades locais -a primeira fase do Laboratorio- e impulsar iniciativas na nosa contorna, denominadas proxectos semente, que se rexan polos mesmos principios de sustentabilidade –a segunda fase do Laboratorio, que comeza coa publicación desta convocatoria-. O Laboratorio Ecosocial do Barbanza está coordinado pola Fundación RIA, que conta co apoio do grupo HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela na parte de investigación e transferencia de coñecemento. O proxecto foi posíbel grazas á co-financiamento da Fundación Banco Santander e a colaboración da Cátedra Juana de Vega.

Onde deben desenvolverse os proxectos?
Na “biorrexión” do Barbanza, formada polos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Lousame.
Quen pode participar?
Poderán presentarse a esta convocatoria tanto persoas físicas como entidades (asociacións, cooperativas, sociedades, comunidades de montes, empresas, fundacións, etc.).
Cal é a achega económica aos proxectos?
Recoméndase que as propostas estean por debaixo dos 5.000€ (IVE incluído), establecéndose un límite máximo de 7.500€ (IVE incluído).
Que é un proxecto semente?
A Fundación RIA denomina “proxectos semente” ás candidaturas desta convocatoria, pola capacidade que deben ter para “xermolar no territorio e exemplificar boas prácticas que poidan replicarse noutras localizacións”.
Sobre que deben tratar os proxectos semente?
O Laboratorio procura proxectos centrados na produción sustentábel, na rexeneración ambiental, na planificación do territorio, na acción social, cultural ou na súa combinación, que “revertan positivamente nas comunidades locais e teñan capacidade de amplificación e replicación”. Os proxectos deben ter como primeiro requisito a sustentabilidade e para iso recoméndase ter en conta os principios para novas iniciativas recollidos na publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro. Estes principios son os seguintes:
1. Xestión comunitaria pola propia veciñanza
2. Coidado do territorio e aproveitamento produtivo
3. Establecemento de cadeas agroalimentarias curtas
4. Diversificación e pluriactividade
5. Emprego de enerxía limpa de orixe local
6. Baixa pegada ecolóxica e economía circular
7. Xeración de capital social e espazos de relación
Que duración deben ter os proxectos presentados?
As accións contempladas polos proxectos deben executarse en 2021.
Como se participa?
A solicitude de cada persoa ou entidade participante deberá enviarse a través do formulario dispoñible en barbanzaecosocial.org. Cada persoa ou entidade poderá presentar tantos proxectos como desexe.
Ata cando podo presentar un proxecto semente?
Ata o luns 31 de maio de 2021 ás 15:00 (CEST). A resolución publicarase o venres 18 de xuño de 2021 na dita web.