Deputación e Concello construirán unha nova vía para conectar as estradas de Cabo de Cruz e Abanqueiro

16 Abril 2021

A Deputación da Coruña e o Concello de Boiro veñen de confirmar a vindeira execución dunha nova vía que conecte as estradas provincias DP-1106 e DP-1107, unha conexión destinada a mellorar as comunicacións entre Cabo de Cruz e Abanqueiro coa saída de Boiro, así como tamén a seguridade viaria nunha contorna de moita afluencia de tráfico e viandantes.

A actuación suporá a execución dunha nova unha variante que una as estradas provinciais DP-1106 de Boiro a Cespón coa DP-1107 de Boiro a Cabo de Cruz e que “permita desviar o tráfico pesado por esta nova estrada, evitando así que se concentre no centro urbano de Boiro”, explicaron as dúas entidades, engadindo que para buscar unha solución estudáronse tecnicamente tres alternativas moi similares que se diferencian, fundamentalmente, na intersección coas estradas provinciais.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou a “importancia que ten para a Deputación esta infraestrutura estratéxica que une estas dúas estradas de zonas moi poboadas de Boiro”. E engadiu: “Vai a ser unha obra con certa complexidade técnica porque require de permisos e autorizacións de distintas administracións, pero é sobre todo un investimento de futuro tendo en conta as novas bolsas de chan industrial que quere conectar o Concello de Boiro”.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, destacou tamén a relevancia da conexión, moi demandada pola veciñanza de Boiro: “É unha vía de saída a toda a industria de Cabo de Cruz para evitar que o tráfico pesado, e tamén o tráfico lixeiro, vaian ao centro urbano de Boiro”.

A actuación contempla tamén unha vía peonil e un carril bici que, como explicou o alcalde, “vén a unirse co que temos no paseo marítimo”. Romero estimou que as obras comezarán a executarse este mandato, cumprindo así un dos principais compromisos do seu Goberno municipal.

A obra consistirá na execución dunha vía de 950 metros de lonxitude que une entre si as estradas que van de Boiro a Cabo de Cruz e de Boiro a Abanqueiro. A variante contará cunha plataforma de 9 metros de ancho, con dous carrís de 3,5 metros cada un e beiras laterais de 1 metro. A proposta inclúe tamén a execución dun carril bici de 2,5 metros de ancho, ademais dunha mediana que o vai separar do carril de circulación e no que se vai colocar o alumeado. Para a intersección desta estrada coas outras circundantes estúdase a opción que contempla a execución de glorietas en ambos casos, axudando a unha mellor regulación do tráfico.

Outros artigos

Boiro supera a media galega en doazóns de sangue

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) está a desenvolver unha campaña especial para fomentar as doazóns durante o presente verán e, no marco desta campaña, a unidade móbil estará en Boiro os días 17, 18 e 19 de xullo. O alcalde, José Ramón Romero, e o...

+

Incendio nunha finca urbana no Concello de Boiro

Os bombeiros do parque Provincial de Boiro acudiron onte a unha chamada, sobre as 19:15 h, alertados  polo incendio nunha finca urbana preto de vivendas, na avenida de Compostela, no Concello de Boiro.   Á súa chegada ao lugar, os bombeiros provinciais controlaron o...

+

Publicidade

Castiñeiras

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.