A Deputación fai un convite a presentar obras á súa longa listaxe de premios culturais

15 Abril 2021

A Deputación da Coruña informou esta semana de que ten abertos os prazos de presentacións para quince premios culturais aos que poden optar creadoras e creadores dos concellos da nosa comarca. Son catro galardóns de creación artística, cinco literarios, tres musicais, dous de proxectos feministas e un de recoñecemento a iniciativas de normalización lingüística. En total, quince convocatorias das que as primeiras en pechar farano este 15 de abril e son o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Rafael Dieste de textos teatrais e o Manuel Murguía de ensaio.

Máis adiante pecharan os dous certames que completan a oferta literaria: os Torrente Ballester en galego e castelán que chegan á a súa XXXIII edición cun premio de 12.000€.

Tamén 6.500 € recibirán os gañadores ou gañadoras dos catro premios artísticos que se convocan este ano. O Castelao de Banda Deseñada en modalidade xeral ou infantil e xuvenil, o Ksado de fotografía e o Certame de Arte Díaz Pardo dan posibilidade para presentar obras até o 30 de abril mentres que o Jesús Núñez de artes gráficas está aberto do 1 de xuño ao 30 de xullo. Ademais do premio gañador, inclúe outras recompensas como a compra de obra ou programas formativos.

Ese mesmo 30 de abril rematará o prazo para concorrer ao Andrés Gaos de composición musical que, xunto co Narf de grupos musicais que remata o 25 de abril e a edición especial do Quero Cantar que chega ao seu fin o 30 de setembro compoñen os tres certames que animan a creación musical.

“Son convocatorias que animan, dunha ou outra maneira, a creación cultural e colaboran tamén na promoción das súas obras. O premios buscan recoñecer a excelencia da nosa cultura e, neste ano de maneira especial, queren destacar a creación nun sector especialmente afectado pola pandemia”, sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O catálogo de premios da Deputación complétase con dúas convocatorias que “coinciden en levar no seu título o nome de dúas mulleres escritoras e feministas e no obxectivo de contribuír á igualdade de distintas maneiras”, sinalou Couto, lembrando que se trata, por unha banda, do Premio Begoña Caamaño (que recoñece a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade desde o feminismo e que remata tamén este 15 de abril) e o Luísa Villalta pola igualdade para o desenvolvemento de iniciativas, que se prolonga até 30 de abril.

Para rematar, poñendo o foco en proxectos que destaquen na promoción da lingua galega convocouse o premio Rosalía de Castro, que ten aberto o prazo até o 31 de maio.

A deputada de Igualdade e Normalización Lingüística, María Muíño, pola súa parte, animou a presentar convocatoria e proxectos a estes tres últimos premios que “apostan a contribuír a eliminar o machismo e recoñecer colectivos e particulares que traballan pola promoción do galego”. E engadiu: “Son premios que teñen unha dupla funcionalidade, por unha parte premiar a quen traballa nestes ámbitos e, por outra, apoiar proxectos e iniciativas que son modelos para subir novos chanzos na igualdade, tanto das mulleres como da lingua”.

Outros artigos

O Dicionario da RAG engade novas entradas e modifica e amplía termos

O Dicionario da Real Academia Galega (RAG), unha ferramenta tan útil como necesaria, vén de ampliar contidos a súa base de datos engadindo novas entradas. Entre elas: agachamento e anicamento, teito de cristal, cultura da cancelación, escaleta ou esgrafiado. O...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...