
O Concello de Porto do Son vén de publicar as bases reguladoras das axudas para o programa Son-Educa, con fin de adquirir novos equipos informáticos para os alumnos do curso 2020-2021. Poderán beneficiarse destas axudas os alumnos da localidade matriculados en educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio ou superior.
O obxectivo das subvencións consiste en favorecer a escolarización do alumnado nos seus domicilios, proporcionándolles as ferramentas informáticas precisas para que poidan acceder ás novas tecnoloxías dende os seus fogares.
O pagamento das axudas realizarase mediante transferencia bancaria nun só pago. Non se admitirán pagos en metálico. O prazo máximo para a presentación da documentación acreditativa é o 30 de outubro do 2021.
Aquelas persoas interesadas poderán consultar as bases e a resolución das axudas na páxina web do Concello de Porto do Son ou no BOP da Coruña.