Sorte dispar no comezo da Preferente para os equipos barbanzáns

29 Marzo 2021

CD Boiro, Puebla e Noia saltaron esta fin de semana para disputar a primeira xornada da Preferente Norte Subgrupo B logo dun ano sen fútbol. Só o Noia foi capaz de gañar no seu debut fronte ao Pino (1-0), o Boiro non puido pasar do empate en Xallas (1-1) e o Puebla saíu derrotado fronte ao Dubra na Alta (0-1).

Xallas FC (1) – (1) CD Boiro

O Boiro foi o encargado de dar o pistoletazo de saída á primeira fase do subgrupo b o súa visita ao campo da Fontela. O conxunto dirixido por Cristian Pérez firmou as táboas fronte a un Xallas que se presumía como un rival asequible para o debut ligueiro.

A primeira parte foi dun completo estudo e análise por parte de ambos equipos, que apenas arriscaron e se dedicaron a non cometer erros. Só un par de achegamentos con certo perigo tanto dos locais como dos visitantes puxeron en dúbida o marcador inicial, co que se chegou ao descanso.

Tralo paso por vestiarios o encontro comezou a abrirse e chegaron as ocasións. Foi o Xallás o encargado de abrir o marcador ao transformar unha pena máxima. Reaccionou Cristian Pérez ao mover o banquillo, trocos que lle serviron para buscar a portería rival con máis ímpetu e perigo. Logo dun acercamentos por banda con certo perigo, Borxa aproveitou un balón para mandalo á escadra da portería local, poñendo así o definitivo empate (1-1) a escasos minutos do final. Resultado xusto para o visto sobre o terreo de xogo.

O CD Boiro recibirá este Xoves Santo ao Puebla para disputar o primeiro derbi do Barbanza na presente temporada. O formato exprés permite pouco tropezos para aspirar aos primeiros postos, polo será un encontro clave, aínda sendo na segunda xornada.

Puebla FC (0) – (1) Dubra SD

O Puebla comezou con mal pé a competición como local. A Alta recibiu ao Dubra, que se levou os tres puntos tras superar aos pobrenses pola mínima (0-1).

O conxunto de Anxo Casalderrey comezou con personalidade e intentando dominar o partido e a un Dubra que decidiu apertar a saída de balón dos locais. O perigo local chegou a través das incursións dos carrileiros por banda, que colocaban centros que a defensa visitante despexaba sen problema. Parecía que se ía a chegar ao tempo de lecer co resultado gafas, mais unha rápida contra do Dubra que rematou no corazón do área José Camaño supuxo o primeiro e único tanto do encontro. Na segunda metade o encontro estivo marcado pola mesma tónica, o Puebla tentando o empate e o Dubra sen pasar demasiados apuros. Ao final, o cadro branquiazul saíu derrotado nun encontro que o Dubra materializou a única ocasión de gol que se lle presentou.

A próxima xornada, en Xoves Santo, o Puebla visitará Barraña para enfrontarse ao Boiro, no que será o primeiro derbi barbanzá da Preferente, ao que ambos conxuntos chegan con necesidades logo dos respectivos tropezos na primeira xornada.

Noia CF (1) – (0) O Pino

Os noieses foron o único equipo do Barbanza que conseguiu a vitoria no seu estreo ligueiro, mais non sen sufrimento.

A tarde non comezou da mellor maneira para os locais, xa que Tato caería lesionado ao pouco de comezar o encontro, ao que se lle sumou a expulsión por dobre amarela de Rivas pouco antes de chegar ao descanso. Unha primeira parte na que tiveron máis protagonismo as desafortunadas accións que o propio fútbol. Só Anxo estivo a piques de abrir o marcador antes dos primeiros 45 minutos, pero seu disparo marchouse desviado da portería visitante.

A segunda parte foi, a pesar de estar cun home menos, dun claro dominio local. Berto, tras unha internada no área, foi derribado e o árbitro sinalou penalti, que transformou Freire para poñer por diante ao Noia. Cristian prieiro e Berto máis tarde puideron sentenciar o encontro pero non atinaron nos seus remates. O final do encontro estivo marcado polas tres expulsións dos xogadores visitantes, que, impotentes, viron como non puideron gañar un partido que se lle puxo moi de cara coa expulsión de Tato.

O conxunto dirixido por Iván Carril visitará este xoves ao Dubra para disputar a segunda xornada, e o domingo acudirá á Alta para enfrontarse ao Puebla.

Outros artigos

Este domingo 23 celébrase a VII Bandeira de Bateis Concello de Ribeira

Este xoves 20 de marzo presentáronse os detalles da VII Bandeira de Bateis Concello de Ribeira, que se celebra este domingo 23. Participaron na cita cos medios o rexedor ribeirán, Luís Pérez Barral, o tenente de alcalde, Vicente Mariño, o segundo tenente de alcalde,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

“Política redistributivas” – José Manuel Pena

A Unión Europea sempre estivo comprometida, polo menos en teoría, coa redución da pobreza e a exclusión social. Actualmente e de fronte ao futuro, segundo algúns expertos, requirirá un cambio de paradigma nas políticas económicas, cuxo punto de partida deberá ser o...