Ribeira prepara un proxecto para converterse en referente en gastronomía e turismo mariñeiro

O Concello de Ribeira achegou detalles sobre o seu proxecto turístico sustentábel, apoiado directamente no potencial gastronómico da localidade e na longa historia mariñeira de Ribeira e, tamén, das vilas costeiras do termo municipal. O eixe desta iniciativa sería o porto ribeirense e o tesouro histórico, cultural, social e económico que ten xerado a súa actividade pesqueira (Ribeira é un dos principais portos de Europa). “Temos os produtos e temos o talento dalgúns dos mellores cociñeiros da contorna para xerar unha auténtica revolución culinaria”, informou o Concello, que quere dar o impulso definitivo ao proxecto a través dos Fondos GALP.

En concreto, o Concello vén de postularse para a obtención de fondos europeos xestionados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa coa finalidade de poñer en marcha un proxecto denominado Ribeira destino litoral sostible: porto de Ribeira, o porto de baixura líder en Europa. O pasado luns primeiro de marzo formalizouse a presentación da solicitude correspondente.

Dúas son as liñas de actuación de que consta a iniciativa, a primeira das cales ten que ver coa creación dun produto turístico gastronómico vinculado a unha imaxe de marca e que estaría subdividida nas seguintes accións:

1. A creación dunha imaxe de marca que visualice o produto do porto de Ribeira a través dun proceso que conte coa colaboración da lonxa e de profesionais do sector do mar.

2. A dinamización da Escola de Hostalería de Ribeira mediante a formación do sector nos usos dos produtos do mar organizando diversos cursos: de coñecemento das especies que chegan ao porto de Ribeira (con fincapé nas menos coñecidas ou pouco valoradas, en busca do seu interese comercial), de tapas mariñeiras, de cociña con algas, de escabeches, salgaduras e mariñados, de IkeJime (unha técnica xaponesa de tratamento do peixe), ou de funcionamento da lonxa dende dentro.

3. A creación dunha rede de establecementos de hostalería adheridos á marca, previa celebración de xornadas de sensibilización e informativas nas que mostrar ao sector hostaleiro as vantaxes de contar cunha marca que enalteza os valores culturais e a gastronomía do mar.

A segunda liña de actuación está relacionada coa promoción e comercialización, abranguendo as seguintes accións:

1. Deseño da promoción e a creación dunha rede de establecementos de venda de merchandising.

2. Organización e realización dun evento-gala de presentación da imaxe de marca, ao que irían vencelladas outras iniciativas como uns Premios Anuais Porto de Ribeira (para as persoas traballadoras do mar a modo de recoñecemento das nosas raíces mariñeiras) ou un concurso de fotografía Porto de Ribeira.

3. Visitas guiadas na lonxa de Ribeira, dirixidas a escolares e estudantes; poboación visitante e poboación local-comarcal.

4. Edición de material audiovisual promocional que sirva ademais de instrumento pedagóxico.

“O plan”, explicou o Concello, “preséntase como un proxecto de interese colectivo no que os grupos de beneficiarios van dende a lonxa ribeirense e as súas entidades asociadas, ata os comerciantes de produto fresco, pasando polas empresas da cadea turística (de aloxamento, restauración, ocio, náutica ou as axencias de viaxes), a comunidade escolar, o público visitante ou a propia poboación da nosa zona”.