“Redes clientelares”. José Manuel Pena


Corrupción, caciquismo, redes clientelares, comisións, sobres, caixa B…, son algunhas situacións irregulares que se seguen observando no mundo de política e que non é alleo á realidade social, pois a política é un reflexo da sociedade.
Todos coñecemos e sabemos de xente “submisa” ao poder establecido para a consecución de favores ou privilexios, defendendo ao gobernante ou ao partido político por encima de todo, en agradecemento dos beneficios persoais e familiares recibidos. Licenzas de obras concedidas, saltándose os plans ou normas urbanísticas porque eran persoas ou familias simpatizantes ou militantes do partido. Concesión de postos de traballo a dedo, sen pasar por ningún tipo de control, exame ou concurso de méritos.
Compras ou adxudicación de obras, sen concurso público, aos amigos ou simpatizantes.
En demasiadas administracións e organismos públicos do noso país case sempre son as mesmas persoas e familias as que reciben os “beneficios” dos gobernantes polos “favores prestados”. Todos os coñecemos e asumímolo con resignación. Falamos do tema en faladoiros de café pero o diñeiro público continúa deambulando polos mesmos
círculos de poder. Logo enchémonos a boca, falando de Liberdade, de Democracia ou de Xustiza Social.
En demasiadas ocasións o poder político crese que os Dereitos Sociais, sufragados con diñeiro público, son “favores caritativos” cara a determinadas familias vulnerables. Por iso, cando se achegan unhas eleccións, atrévense (sen ruborizarse) á procura de “votos #cativo” nalgúns barrios ou zonas humildes, coas promesas electorais de poder
seguir fornecendo servizos, realizando melloras ou inxectando prestacións ou axudas públicas periódicas.