
O Concello da Pobra do Caramiñal realizou o sorteo dos lotes de premios incluídos no certame As Sete Rosalías, dirixido a conmemorar entre a rapazada o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro. Foron un total de 25 lotes de premios.

O xogo-concurso desenvolveuse na Pobra durante a pasada semana, con motivo das homenaxes locais á poeta de Padrón.
Cada unha das referidas recompensas componse dunha botella térmica e duns auriculares sen fíos.

A iniciativa As Sete Rosalías foi impulsada coa finalidade de “continuar co labor divulgativo da persoa da nomeada intelectual, da súa obra e, polo tanto, do seu legado”.
Configurouse así unha proposta dirixida ás crianzas para lles achegar Rosalía de maneira didáctica e cun compoñente lúdico, concretamente, ás dos CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.

Ata estes centros desprazáronse a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
A dita actividade consistiu en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que contiñan no seu interior o rostro da escritora acompañado de versos seus e puideron participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que contasen cun dos impresos repartidos.

As pezas estiveron expostas en escaparates de diversos establecementos locais do municipio dende o día 22 ata o 28 de febreiro.

O desafío residía en buscar as sete versións diferentes da imaxe que ilustraba o cartel deste ano, xa que non todas eran iguais. Unha vez atopadas, tiñan que anotar no folleto cal era esa diferenza e en que instalación se situaba. De lograren superar o reto, os participantes debían entregar os impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.