Lousame pon en marcha un novo programa de compostaxe

14 Marzo 2021

O Concello de Lousame deseñou un novo programa de compostaxe, que se financiará nun 80% a través da convocatoria 2020 das axudas do Plan de Impulso ao Medio Ambiente (Plan PIMA) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
A proposta presentada polo Executivo local contempla a entrega, de balde, de 175 composteiros domésticos á veciñanza e a instalación dos que serán os rimeiros centros de compostaxe comunitaria. Do mesmo xeito, adquirirase
unha biotrituradora móbil que permitirá xestionar a elevada cantidade de restos de poda que se xeran en todo o termo municipal, contribuíndo a reducir as queimas.
A adquisición destes equipamentos, completarase co desenvolvemento de accións formativas e informativas sobre os beneficios da compostaxe e o uso dos composteiros domésticos e comunitarios. Neste senso, o Concello está a
dar xa os primeiros pasos para comezar a desenvolver esta campaña informativa, que se iniciará co envío dunha carta á veciñanza de Lousame.
Agárdase que este envío se realice durante os primeiros días de abril. A partir de entón, todas as persoas interesadas en solicitar o seu composteiro, de forma totalmente gratuíta, deberán poñerse en contacto co concello para
inscribirse no programa de compostaxe.

Ademais do composteiro, as persoas inscritas recibirán unha formación sobre a súa montaxe e uso. A data, lugar e hora destas xornadas formativas está aínda pendente de confirmar e seralle comunicada no seu momento a todas as
persoas participantes.
Asemade, está tamén prevista a realización dunha visita de seguimento a cada unha das vivendas obxecto de actuación do programa. Este rexistro está programado para despois do verán e durante a mesma, o persoal técnico
responsable do proxecto resolverá as incidencias detectadas, así como as dúbidas que se lle formulen.
No que respecta á compostaxe comunitaria, o Concello de Lousame atópase aínda en fase de planificación e selección da localización dos tres centros de compostaxe comunitaria que se instalarán. Neste caso, prevese que os
principais usuarios sexan os grandes produtores de restos de comida do municipio, tales como colexios e restaurantes.
No seu conxunto, como explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, “as accións que se desenvolverán nos vindeiros meses perseguen mellorar a xestión dos residuos orgánicos domésticos que se xeran no Concello de
Lousame e avanzar no cumprimento dos obxectivos de reciclaxe impostos pola normativa actual. Ademais, o uso da compostaxe leva asociados importantes beneficios ambientais, entre os que cabe destacar a recuperación dos
nutrientes presentes nos residuos e a súa transformación en compost, un fertilizante natural”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...