
Este 24 de marzo levouse a cabo a entrega dos diplomas aos establecementos gañadores de VI Edición da Ruta de Tapas en Barbanza Arousa, que este ano bateu marca de establecementos participantes e tapas vendidas. A iniciativa respondeu ao obxectivo da Mancomunidade de Municipios Barbanza Arousa de “apoiar a hostalaría nos tempos tan restritivos da pandemia”. O certame incluíu como novidade a tapa para levar e as votacións telemáticas a través da páxina web barbanzarousa.gal.

A entrega de diplomas celebrouse no Auditorio de Rianxo.
Esta VI edición de Máis que Tapas estivo marcada por celebrarse nun momento de restricións que están a afectar seriamente á economía da hostalaría, supondo a organización desta ruta un importante revulsivo para os 38 locais participantes e para o destino.

Conscientes desta situación complicada e pensando en “prestar o maior apoio posíbel”, os responsábeis da mancomunidade incluíron como novidade a iniciativa Tapa para Levar en caixas con deseño unificado do destino Barbanza Arousa, chegando a venda das tapas a alcanzar as 5.500 unidades vendidas.

Nesta edición púidose desgustar a consumición nos propios establecementos ou pedila para levar, realizando as votacións mediante un código QR ou a través da páxina web barbanzarousa.gal.
Os establecementos gañadores desta VI Edición foron:
· Ribeira, O Esmorga coa tapa Berberechua.
· A Pobra do Caramiñal, La Calle coa tapa Pastel de Peixe e Marisco.
· Boiro, A Ubi coa tapa Tartaleta de polbo con fariña de millo.
· Rianxo, O Furancho coa tapa Filloa Rechea de Froitos do Mar.
Cada fin de semana puidéronse degustar as consumicións de cada un dos concellos (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) mariñadas cos viños do IGP Barbanza e Iria, de gran calidade, do mesmo xeito que todos os produtos gastronómicos do destino.

Na entrega de distincións aos establecementos gañadores o presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, resaltou o apoio que desde a entidade se brinda ao sector da hostalaría: “Estaremos ao seu lado nestes momentos difíciles xerando entre todos iniciativas e proxectos en colaboración co noso empresariado”.