En Lousame impúlsase un programa de acompañamento para persoas maiores

15 Marzo 2021

O Concello de Lousame puxo en marcha un programa de acompañamento para persoas da terceira idade. O obxectivo é responder a un dos grandes retos demográficos do municipio, compartido con outros moitos concellos da nosa terra: o envellecemento da poboación e o éxodo cara as cidades dunha porcentaxe cada vez máis relevante de xente nova. Segundo fontes do Concello, un total de 157 persoas maiores viven soas no termo municipal.

Ante esta cifra, o Executivo local impulsou un novo programa de acompañamento para axudar a estas persoas no seu día a día. Os departamentos de Servizos Sociais e de Voluntariado coordinarán esta iniciativa, que consiste en programar unha visita semanal dunha hora de duración dunha persoa voluntaria ao domicilio da persoa maior.

“O obxectivo é que, co paso do tempo, se estableza un vínculo de confianza entre ambas persoas e sobre todo evitar situacións de illamento social”, explican dende Servizos Sociais, engadindo que ao longo dese período de tempo “a persoa voluntaria, que previamente recibirá indicacións por parte dun técnico de Voluntariado, deberá facilitar e potenciar a autoestima, mostrar empatía e dar ferramentas e recursos para paliar a soidade”.

Na actualidade, búscanse persoas voluntarias que dispoñan dunha hora libre á semana para exercer este voluntariado, para o que non é necesario dispoñer de vehículo. Todas as persoas interesadas en participar no programa de acompañamento pode inscribirse a través do departamento de Servizos Sociais, no número de teléfono 981 820 494.

En caso de que as restricións pola situación sanitaria non permitan asistir aos domicilios, o servizo prestarase a través do teléfono, de xeito que se faga un seguimento das persoas maiores que viven soas.

O Concello lembrou que durante os meses do confinamento Servizos Sociais puxo en marcha esta iniciativa na que se acudiu ao fogar de 10 persoas maiores e se fixo seguimento telefónico doutras 150. “A experiencia foi moi positiva, posto que implica dotar dunha rede de apoio a estas persoas que, en moitas ocasións, teñen dificultades para a interacción coa sociedade”, engaden dende a Casa Consistorial de Lousame.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...