A praia da Corna será obxecto o día 28 dunha limpeza colectiva impulsada polo Concello

O Concello da Pobra, a través da campaña de voluntariado Agora é o momento!, puxo en marcha unha actividade medioambiental participativa para protexer a contorna da praia da Corna e pór de manifesto a necesidade de coidar os nosos areais das múltiples agresións que reciben da acción humana. O edil do Voluntariado, José Andrés Lojo (Nós Pobra), precisou que a iniciativa consistirá na retirada de lixo na praia da Corna no 28 de marzo, en horario de 10.00 a 13.00 horas, coincidindo coa baixamar. O punto de encontro será onda Muebles Vizcaya, ás 09.45 horas.

A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explicou que a actividade céntrase “na mellora do contorno natural e zonas de costa”. Procederase así coa retirada dos elementos artificiais que o mar devolveu durante o inverno, é dicir, todo o tipo de obxectos de plástico, metal ou vidro, grandes e pequenos, de formas e cores variadas. Porén, dixo, non se inclúen as algas, a madeira e os restos de cunchas porque “estes non constitúen lixo, senón alimento, refuxio e lugar de reprodución dos organismos presentes no areal”, engadiu.

Así mesmo, seleccionouse esta paraxe como foco da primeira intervención medioambiental pola necesidade de retirar os residuos antes da época do aniñamento da píllara das dunas, que se produce nos primeiros meses da primavera, polo cal, unha vez que a pequena ave aniña, “a presenza de persoas e animais no seu contorno causa molestias con resultados tales como o abandono do niño ou a morte das crías”, explicaron Lojo e Hermo, engadindo que a retirada de refugallos efectuarase manualmente con material proporcionado polo Concello e non se empregará a limpeza mecánica co fin de protexer as dunas ou evitar a retirada de elementos naturais precisos para preservar o ecosistema.

Sinalaron tamén que se require a inscrición previa obrigatoria e disponse un límite de 20 prazas por cuestións de prevención sanitaria fronte á COVID-19 e organización da actuación. Se houber máis persoas participantes interesadas, teranse en conta para outras accións futuras.

O prazo de inscrición estará aberto ata 24 de marzo a través do teléfono de contacto 981 843 280, coa extensión 2008, ou do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. O proceso consistirá en cubrir unha ficha de inscrición e un convenio de colaboración, así como na entrega dunha foto de carné, para que a Administración local poida tramitar a alta no seguro, o cal non suporá ningún custo para as e os solicitantes. Ademais, para as persoas menores de idade, requírese ter feitos os 16 anos e entregar un permiso asinado polos seus proxenitores ou proxenitoras, ou por quen sexa responsábel da súa tutela legal.

Cómpre lembrar que a campaña Agora é o momento! estrutúrase en distintos terreos do voluntariado -social, medioambiental, cultural e de benestar animal-, resultado do traballo conxunto entre as concellarías.