Sachos á Rúa: “Queremos axudar a quen aposte polo emprendemento no rural como modo de vida”

02 Febreiro 2021

A asociación agro-ecolóxica da nosa comarca Sachos á Rúa comezou o ano 2021 tentando dar resposta a dúas problemáticas que afectan ao mundo rural e ao ámbito urbano. Por unha banda, o despoboamento das nosas aldeas e o esmorecemento dos seus modos de vida tradicionais, proceso agravado pola imposibilidade de facer un efecto chamada eficaz a persoas que desexen asentarse no campo. Por outra banda, a urxencia que motiva a unha parte da nosa xente nova, acrecentada polas consecuencias críticas xeradas pola pandemia, de buscar novos xeitos de vida e desenvolvemento produtivo. Para afrontar estes desafíos Sachos á Rúa deu forma á plataforma Agro Novo. Trátase, din, de axudar ás mozas e mozos que precisan casa na nosa comarca para desenvolver o seu proxecto de vida no rural.

En concreto, a finalidade de Agro Novo é “ser a canle de comunicación entre as persoas que precisan unha vivenda para vivir no rural e as propietarias que desexen alugar inmóbeis a prezos accesíbeis”.

Falamos con Sachos á Rúa e isto é o que nos contan.

-Como vai funcionar a plataforma? Será unha plataforma tecnolóxica a xeito de rede social?

-Sobre o funcionamento da plataforma, a nosa intención é empregar o Facebook e o Instagram da asociación de Sachos a Rúa como canle de difusión, ademais do boca a boca, para aquelas persoas que non conten cas redes sociais na súa vida…

As feiras que facemos no Rueiro de Ribeira os primeiros, terceiros e quintos sábados de cada mes seguro que tamén son un moi bo punto de encontro.

Tamén poñemos a disposición o correo electrónico da asociación e dous teléfonos de contacto, onde esperamos recibir achegas tanto de xente nova con ganas de emprender no rural e co interese de establecerse na aldea, como tamén de propietarias/os de vivendas en desuso que estean dispostas/os a alugar a baixo custe por un longo período.

A nosa función como plataforma será basicamente pór en contacto as dúas partes interesadas, e no caso da xente nova, ofrecer tamén outros recursos dos que dispoñemos na asociación, formación, teórico-práctica en agricultura ecolóxica, posibilidade de participar no mercado dos sábados, axuda na procura de terras para cultivar, etc.

-Cal será o ámbito xeográfico de actuación da plataforma?

-O ámbito xeográfico de actuación vai ser polo momento a zona do Barbanza xa que é onde Sachos a Rúa leva tecendo dende fai anos unha rede de apoio mutuo que conecta a persoas que desenvolvemos dunha maneira ou outra actividades no rural.

-Que nivel de participación ten de saída?

-A creación da plataforma veu dada polas achegas que recibimos de mozos e mozas que precisan casa pola zona para desenvolver o seu proxecto de vida no rural, e que dalgún xeito xa participan na asociación ou teñen intención de participar unha vez encontren un lugar próximo onde establecerse.

-Credes que a crise sanitaria e económica que estamos a vivir pode propiciar o éxito da iniciativa, pola tentativa das novas xeracións de buscar xeitos de vida alternativos aos actuais, lonxe das cidades e do punto máis crítico das restricións e do perigo de contaxio?

-É certo que a situación actual de crise tanto económica como sanitaria pode ser un factor que propicie a volta ao rural, pero mais ben o que vemos no noso redor é xente nova motivada por unha ética de vida entorno ao respecto polo medio ambiente que avoga pola colectividade en detrimento do individualismo destes tempos, e que apostan polo emprendemento no rural como modo de vida. Tamén esperamos que esta iniciativa sexa un efecto chamada para todas aquelas persoas que aínda non deron o salto e que levan tempo argallando como facer. Pois ben, dende Sachos a Rúa, a través desta nova plataforma, animamos a mocidade a emprender no rural e a seguir tecendo nesta comunidade da que formamos parte.

O foco, na xente nova

Como dixemos, a asociación pon o foco, especialmente, na xente nova: “Até nós chegan, cada vez con máis asiduidade, demandas de persoas, especialmente novas, para establecerse no rural e poder realizar os seus soños traballando no campo dunha maneira sustentábel. Dende o noso colectivo podémoslles ofrecer terreos, formación e outras ferramentas para poder comezar, pero en moitos casos, precisan de atopar unha vivenda próxima á rede da que formamos parte, na zona do Barbanza”, explican, engadindo que este foi o xermolo “dunha idea que consistiu en crear unha plataforma de contacto que establecese unha canle de comunicación entre as persoas que precisan unha vivenda no rural e as persoas propietarias que queiran alugar a un prezo asequíbel as súas propiedades, co compromiso dos primeiros a realizar os precisos traballos de coidados e mantemento da vivenda e do espazo exterior”.

A asociación ponse a disposición de todas aquelas persoas que queiran tirar proveito da iniciativa, e faino a través das seguintes canles: o enderezo electrónico sachosarúa@gmail.com e máis os teléfonos 686 097 190 / 663 56 28 18.

Outros artigos

Venres de calor, ceos despexados e ventos do nordés

Galicia afrontará este venres 12, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica e a chegada de aire cálido, cunha situación dominada polo anticiclón e a circulación do nordés. Agárdanse ceos moi despexados en xeral. As temperaturas subirán de forma moderada e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“No lo entiendo, no lo comparto y soy opuesto” – Manuel Domínguez

“Sobre el Papa León XIV” – Manuel Domínguez

El Papa León XIV, presidente de la Ciudad del Vaticano. Solo datos, no opinion Nos habla con palabras de amor, de la dignidad, del derecho de los oprimidos, de atender y dar protección a quienes buscan un futuro en Europa que en sus países no tiene. El pontífice, que...