O CEIP Heroínas de Sálvora, distinguido nos primeiros premios Innovagal

Rear view of large group of students raising their arms to answer the question on a class at elementary school. (Rear view of large group of students raising their arms to answer the question on a class at elementary school., ASCII, 112 components, 11

A Consellería de Cultura e Educación vén de recoñecer o compromiso co coñecemento, a investigación e a creatividade dunha ducia de centros escolares e docentes da nosa terra. E fíxoo cos primeiros premios Innovagal, cos que galardoou as propostas máis avanzadas do ámbito educativo consolidadas neste curso 2020-2021. Entre os premiados atópase o CEIP Heroínas de Sálvora (Aguiño, Ribeira).

Os centros premiados recibirán o distintivo de Centro Educativo Innovagal, unha certificación con vixencia de catro cursos escolares que se exporá en lugar visíbel no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa.

Segundo explicou Educación, a innovación desenvolvida nos centros constitúe “parte dun proceso de cambio necesario para a adaptación do noso sistema educativo aos retos da sociedade actual e un medio que propicia a mellora na calidade educativa”, supoñendo estas prácticas “unha oportunidade para metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa propia aprendizaxe e que fomenten o traballo en equipo”.

Modalidade de centros escolares

Na modalidade de centros escolares resultaron galardoados un total de sete centros das dúas categorías establecidas, unha para escolas de educación infantil, colexios rurais agrupados, centros de educación especial, colexios de educación infantil e primaria e colexios de educación primaria e outra para centros públicos integrados e institutos de educación secundaria.

Así, os centros que se alzaron co primeiro premio recibirán unha dotación económica de 10.000 € para o 1º premio, 6.000 € para o 2º premio e 3.000 € para o 3º premio. Así mesmo outorgáronse dúas mencións de honra, unha por cada categoría, con 1.000 €. Estas mencións estaban dirixidas ás propostas destacadas con estratexias innovadoras de adaptación da actividade lectiva a un escenario non presencial motivado pola COVID no curso 2019/20.

Os centros galardoados nas dúas categorías establecidas na convocatoria son os seguintes:

CATEGORÍA A

· CEIP Plurilingüe Meaño-As Covas, Meaño (Pontevedra), 1º Premio (10.000 euros)

· CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira), 2º Premio (6.000 euros)

· CEIP San Tomé (Cambados), 3º Premio (3.000 euros)

· CEIP San Tomé (Cambados), Mención de Honra (1.000 euros)

CATEGORÍA B

· IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), Primeiro Premio (10.000 euros)

· IES Afonso X O Sabio (Cambre, A Coruña), Segundo Premio (6.000 euros)

· IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), Terceiro Premio (3.000 euros)

· IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis, Pontevedra), Mención de Honra, (1.000 euros)

Proxectos premiados

Canto ao contido dos proxectos galardoados, todos eles seguen “unha aposta de renovación do proxecto educativo”, explica a Consellería, salientando que “promoven iniciativas de aprendizaxe por proxectos, colaborativa e interdisciplinar, nas que integran ao conxunto da súa comunidade educativa”. En canto ás temáticas abordadas, predominan o uso das tecnoloxías, a convivencia e a integración.

Modalidade docente

Na modalidade docente, outorgáronse catro dos oito premios que se incluían na convocatoria. As persoas galardoadas son Almudena Lacomba Maruri (submodalidade 1), María Isabel González Piñeiro (submodalidade 2), José Manuel Viñas Diéguez (submodalidade 3) e Felisa Redondo Valín (submodalidade 4). Estes premios levan asociados unha dotación económica de 3.000 € cada un. Ademais, recibirán unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.