No Son dez empresas presentan ofertas para executar unha nova glorieta na estrada AC-550 en Xuño

03 Febreiro 2021

Un total de 10 empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de construción duna nova glorieta na estrada autonómica AC-550 en Xuño, no concello de Porto do Son, que foron licitadas por importe de 305.000 euros.

Os traballos, que se iniciarán a finais da primavera, estarán rematados neste mesmo ano 2021. A actuación suporá un investimento autonómico global superior aos 322.000 euros, tendo en conta as expropiacións das 7 parcelas necesarias para a execución das obras e os servizos afectados.

A intervención ten por obxecto optimizar os movementos do tráfico rodado e mellorar a seguridade no lugar do Cruceiro, na parroquia de Santa María de Xuño.

Para iso, executarase esa nova glorieta na estrada AC-550, na intersección que conecta coa vía que leva á igrexa, pola marxe esquerda, e co viario que se dirixe ao colexio, ao centro de saúde e á praia das Furnas, pola marxe dereita.

A nova rotonda, cun diámetro de 28 metros, busca que os condutores perciban mellor o cambio entre a zona urbana e a zona interurbana e, deste modo, moderen a velocidade nesa zona.

Os principais traballos centraranse na execución da nova glorieta, con catro vías que concorren nela. Esas vías contarán cun ancho de 3,50 metros por carril, salvo á que dá acceso á praia das Furnas, onde se adoptará o ancho actual de 2,50 metros.

A intervención completarase coa execución de muros de contención na zona leste e na marxe dereita da vía á igrexa, coa reposición do firme e da sinalización e coa colocación das defensas necesarias na estrada tras a execución das obras.

Ademais, reporanse todos os servizos de electricidade, telefonía, abastecemento, pluviais fecais e alumeado que se vexan afectados polas obras.

A intervención prevista permitirá manter os aparcadoiros existentes na contorna, tanto na marxe dereita coma na esquerda, adaptándoos ao novo trazado da glorieta.

Coa fin de incrementar a seguridade peonil, tamén se vai habilitar un paso de peóns en dirección a Ribeira, a unha distancia duns 35 metros da glorieta. Reforzarase así a seguridade dos veciños que realicen os seus desprazamentos a pé, tendo en conta que os peóns son usuarios vulnerables das estradas.

Esta actuación súmase á xa realizada nesta estrada en Portosín, para a eliminación do treito de concentración de accidentes na que tamén se construíu unha nova rotonda. Polo tanto, resulta un investimento conxunto da Xunta superior aos 800.000 euros para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade dos veciños de Porto do Son.

Outros artigos

Este sábado comezan as Festas Patronais de Caamaño

A parroquia sonense de Caamaño vai celebrar esta fin de semana as súas Festas Patronais 2026, entre o sábado 15 de agosto e o luns 17. A axenda vén cargada de festa e deporte e tamén de importantes actividades relixiosas. Haberá misas, ruadas, exhibicións deportivas,...

+

Avanzan as obras de mellora do peche do pavillón do IES do Son

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, realizou hoxe unha visita ao IES Porto do Son para comprobar o avance das obras de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.