Galicia demanda unha solución ao bloqueo e comercialización do marraxo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana unha xuntanza de traballo por videoconferencia cos representantes da frota de palangre galega e coas empresas transformadoras dependentes dela co obxectivo
de analizar a situación do sector e as dificultades que se atopan no desenvolvemento da súa actividade. Neste sentido, as partes coincidiron na necesidade de que o Goberno central ofreza unha solución urxente ao bloqueo que está a sufrir a comercialización do marraxo, deixando capturas retidas a bordo dos barcos ou en tránsito cara a España, o que pon en risco a rendibilidade do sector.
Os representantes dos armadores, das empresas transformadores e do Executivo galego lamentaron a falla de coordinación existente entre os Ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico pola que o sector non pode comercializar as capturas realizadas correctamente en aplicación dos totais
admisibles de captura (TAC) e cotas autorizados pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat).
A orixe dese bloqueo está na inclusión do marraxo no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites) en agosto de 2019, momento no que se fixo necesario que as capturas fosen acompañadas dun certificado que debe emitir a Secretaría de Estado de Comercio, previo informe favorable da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, para poder ser
comercializadas.
O paradoxo prodúcese como consecuencia da autoimposición por parte da Vicepresidencia cuarta do Goberno central dunha cota de comercialización do marraxo inferior ao TAC fixado por Iccat para esta especie, o que provoca que toneladas de capturas realizadas correctamente queden bloqueadas sen poder ser comercializadas, cos consecuentes prexuízos para a frota pesqueira e o sector transformador vencellado a ela.
Neste sentido, a titular de Mar trasladoulle aos representantes do sector que a Xunta xa advertiu a finais de 2019 ao Executivo central das consecuencias negativas que tería para a frota a fixación desa cota de comercialización inferior ás posibilidades de pesca e lamentou que se trata dunha decisión incomprensible ao ser incluso máis restritiva que as medidas de xestión adoptadas por Iccat, a entidade responsable da conservación dos túnidos e especies afíns no océano Atlántico e mares adxacentes.
Trátase dun asunto que o Executivo galego reiterou en distintas ocasións á Administración central, entre elas o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na recente visita do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a Galicia. Nesta liña, Rosa Quintana comprometeuse a seguir traballando da man do sector na defensa dos seus
intereses e na busca dunha solución a este problema, que se engade ás dificultades que está a sufrir esta actividade como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.
Sector afectado
O encontro telemático entre a conselleira do Mar e os representantes do sector contou coa participación de representantes da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), da Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de
Marín (Opromar) e da Asociación Nacional de Empresas Comercializadoras e Transformadoras de Especies Altamente Migratorias (Anecteam).
O bloqueo das capturas de marraxo -unha especie que non é a principal na actividade desta frota pero que supón un importante complemento na súa facturación- afecta a preto de 120 buques de palangre de superficie galegos que dan emprego a máis de 850 tripulantes.
Ademais, trátase dun sector que exporta, xunto coa industria asociada a el, preto de 125 millóns de euros ao ano.