Entregados os premios da campaña de San Valentín da Asociación de Empresarios de Ribeira

A Asociación de Empresarios de Ribeira procedeu este mércores 24 de febreiro a facer entrega dos premios da campaña de San Valentín celebrada os días pasados, dirixida a incentivar as compras locais e a recoñecer a fidelidade das veciñas e veciños que apostan polo trato directo e polo comercio de proximidade. En total, repartíronse 600 euros en premios para seren gastados na hostalería de Ribeira.

Participaron na entrega dos recoñecementos o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Francisco Martínez Gude e máis o concelleiro Ramón Doval. Tamén fixo acto de presenza a responsábel do Restaurante Alján, Lola Guirado, en representación do sector hostaleiro local.

A campaña deuse a coñecer os días pasados baixo o seguinte lema: Agasalla Comercio Local de Ribeira por San Valentín. O obxectivo foi incrementar as vendas e incentivar o consumo no pequeno comercio retallista na hostalería de Ribeira. Desenvolveuse dende o día 8 de febreiro (o vindeiro luns) até o día 14 deste mesmo mes.

Os premios foron 3 tarxetas prepago de 100€ e 6 tarxetas prepago de 50€ para gastar nos establecementos hostaleiros participantes nesta campaña. O importe do premio debe ser gastado nos locais participantes como data límite o 30 de xuño de 2021.

“Con esta iniciativa”, explicou Francisco Martínez Gude, “quixemos apoiar ao sector hostaleiro que é un dos máis prexudicados por mor desta pandemia”.