ButacaZero estreará a traxicomedia 32m2, co-escrita pola rianxeira Esther Carrodeguas

22 Febreiro 2021

Este 12 de marzo a plataforma ButacaZero estreará a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo sobre o confinamento do pasado ano. A obra da escritora e actriz rianxeira Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente, co obxectivo de “provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade”. O espectáculo pasará por Noia e Boiro, entre outras localidades.

Na obra aparecen Laura Villaverde e Xurxo Cortázar como protagonistas. De feito, o argumento da peza xira en torno a unha parella que reside nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados. Así, por medio de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 visualiza a habitual convivencia coa precariedade e as desigualdades nun momento clave para todos.

Os directores da obra, Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira, sinalan que “a peza é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés”.

32m2 é unha peza que pretende curar feridas, despedirse das persoas que marcharon e homenaxear a aquelas que deron o mellor de si para frear a pandemia. Así, Xavier apunta que “para afrontalo temos que pechar etapas. E, sen lugar a dúbida, as mellores chaves son a risa e o pranto”.

Esta produción conta ademais cunha banda sonora ad-hoc creada polo músico folclórico Rodrigo Cuevas. É por iso que ButacaZero aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego, xa que posúe unha gran capacidade á hora de dialogar co mundo actual.

Así, a obra presentarase entre os días 12 de marzo e 20 de xuño de 2021, coincidindo coa celebración do primeiro aniversario do confinamento por mor da COVID-19 na pasada primavera. A realización da peza terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e a xira continuará no mes de marzo polos teatros de Rianxo, Vilalba, Muros, Cee e Pontevedra. No mes de abril, 32m2 visitará as localidades de Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa ou As Pontes de García Rodríguez, entre outras. A continuación presentarase en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que Ferrol, Cedeira ou Tomiño terán que esperar ata o mes de xuño para vela.

As persoas interesadas poderán ampliar a información na web da plataforma ou a través das redes sociais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...