
Stop Deshaucios Barbanza vén de informar da difícil situación pola que está pasando unha familia de Rianxo, que foi denunciada polo grupo inmobiliario Aliseda por “ocupación ilegal” e que, segundo explica a plataforma anti-desaloxos da nosa comarca, é unha familia vulnerábel que leva vivindo na súa vivenda de Rianxiño dende o ano 1978.
A plataforma, que critica duramente os argumentos usados polo grupo inmobiliario, xa que “non son ocupas nin ilegais”, lembra tamén que os denunciados hai tempo que viven mergullados en negociacións para evitar o desaloxo, entre a plataforma, a familia e o Banco Popular, logo Banco Santander e agora con Aliseda.
Por certo que este luns terá lugar no Xulgado de Padrón nº 1 a vista oral pola denuncia imposta por este grupo.
A plataforma tamén fai saber que serán defendidos en sede xudicial, de maneira altruísta e gratuitamente, polo recoñecido letrado vigués Tomás Santodomingo Hargindey, licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e especialista en dereito Concursal, Bancario e Penal Económico así como pola procuradora santiaguesa Marta Delgado Fontáns, vicedecana do Colexio de Procuradores de Santiago. Stop Deshaucios agradece encarecidamente a súa colaboración e dedicación e salienta tamén a implicación e o apoio á familia do propio alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, que está disposto mesmo a acudir ao Xulgado de Padrón, este luns 18, para defender un acordo amigábel entre as partes e que leve a que a familia non teña que abandonar a vivenda na que residen durante tantas décadas e da que “tan inxustamente se lles pretende desposuír”, engade José Manuel Pena, portavoz de Stop Desafiuzamentos Barbanza.