A nosa comarca ten especial protagonismo no palmarés dos Premios de Arquitectura e Urbanismo edición 2020 que entrega, a nivel estatal, o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Entre as contribucións finalmente recoñecidas atópase unha de Outes (o Complexo Turístico de Albeida de Alfonso Salgado e Francisco Liñares, Premio de Arquitectura) e outra de Carnota (o Centro Social de Cornido, de Juan Creus e Covadonga Carrasco, que obtivo unha mención). Tamén foi distinguido cunha mención a rehabilitación do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dos arquitectos Xosé Manuel Casabella López e José Luís Martínez Raído.
Sobre a obra do complexo de Albeida en Outes, que foi obxecto do prestixioso Premio Nacional de Arquitectura, Elena Ampudia, decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, considera que “representa un extraordinario exercicio de integración da arquitectura na contorna natural, incorporando as preexistencias ao proxecto, optando por materiais e solucións construtivas que xeran unha arquitectura sostible que se conxuga cos obxectivos da Axenda 2030”.
E engade: “Trátase dunha clara aposta pola sostibilidade e a integración no complexo territorio galego. Polo tanto, é un merecido recoñecemento ao traballo ben feito, e desde o Colexio de Arquitectos de Galicia facemos noso o sentir do xurado”.
Polo que atinxe ao Centro Social de Cornido, en Carnota, é obra de Juan Creus e Covadonga Carrasco. Trátase dun pequeno edificio social de pouco máis de 60 metros cadrados para a aldea de Cornido no concello de Carnota. A través dunha petición veciñal e coa atención do Concello e a Deputación da Coruña, conseguiuse facer durante o ano 2018 e inaugurar no verán do 2019. Creus e Carrasco manifestaron a súa ledicia por esta mención a un proxecto “moi humilde e de pequena dimensión, nacido da necesidade duns veciños que puxeron moito da súa parte para conseguilo”, co apoio do Concello e a Deputación coruñesa.
Intervención hoteleira nun espazo con vistas á ría de Muros e Noia
Volvendo ao Complexo Turístico de Albeida, lembrar que está situado nunha contorna privilexiada da ría de Muros e Noia, concretamente no concello da Serra de Outes. O proxecto integra a rehabilitación de tres edificacións tradicionais que, ata ese momento, foran residencia e estudio de gravación, coa construción de nove aloxamentos que respectan a vexetación do lugar e reforzan a historia do xa edificado.
Para logralo, os autores buscaron a intimidade de cada edificación (sen renunciar á perspectiva que se descobre entre as pólas das árbores da desembocadura do río Tambre, os montes do Barbanza, a vila de Noia e o nacemento da ría Muros-Noia) e definiron formalmente as diferentes edificacións “intentando unir a evolución caprichosa da vexetación co elemento racional dos edificios existentes”. Tamén apostaron por integrar o conxunto no bosque da contorna, harmonizando os volumes coas alturas das árbores e “buscando a unión entre o natural e o artificial”.
Desde o estudio gañador, Francisco Liñares valora que o Premio de Arquitectura 2020 é un impulso ao traballo que Salgado e Liñares Arquitectos vén realizando nos últimos anos. “Premiouse unha forma de traballar que non pon o acento na forma, que dialoga coas preexistencias, cunha vontade evidente de integración nun territorio moi complexo, profunda e sabiamente humanizado, e co feito construtivo como fío condutor de todo o proceso arquitectónico”, considera Alfonso Salgado.
Membros do xurado
O xurado do Premio de Arquitectura estivo formado polos arquitectos Toni Gironès, como presidente do xurado en representación do presidente do CSCAE; José Manuel Gallego Jorreto, Alberto Campo Baeza (Medalla de Ouro da Arquitectura 2019), Dolores Alonso, Elisa Valero, e a secretaria xeral de Axenda Urbana e Vivenda, Elena Simón.