O Castelo da Lúa, da produtora Vou Films, seleccionada para o festival Pink Love LGBT da India

A produtora Vou Films vén de compartir un boa nova para o audiovisual feito nos nosos concellos e con temas locais de interese que mostrar ante o mundo. En concreto, as e os integrantes da produtora (fundada na Pobra por Gemma Do Carmo, Anxo Amil, Adriana Rego, Lois Basallo e Adrián González) comunican que a súa curtametraxe O Castelo da Lúa, ambientada na senlleira construción costeira de Rianxo de orixe medieval, foi seleccionada para o festival internacional Pink Love LGBT Film Festival na India, que se vai celebrar en febreiro.

A curtametraxe, que foi presentada hai exactamente un ano na na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, é unha obra audiovisual producida por VouFilms e dirixida e escrita polo director pobrense Lois Basallo.

Como recordaremos, Vou Films tamén é responsábeis doutras dúas prestixiosas e recoñecidas producións sobre os oficios tradicionais e populares da nosa terra dende unha óptica feminina: As Lavandeiras, As Costureiras e a máis recente As Peixeiras.

Respecto do fío argumental de O Castelo da Lúa, ten o seu xermolo na lenda que, ligada á construción medieval, fala dunha historia de amor entre unha moza recluída no castelo e un cabaleiro asentado temporalmente no mesmo escenario mentres agardaba pola curación das súas feridas. A curta destaca pola vontade de adaptar certas claves da lenda ao contexto actual, á contorna dunha empresa conserveira e dos descendentes dos propietarios da mesma. A curta foi rodada na contorna do castelo e máis noutros escenarios lindeiros, como o paseo marítimo de Rianxo ou o Pazo dos Viturro.