O BNG de Ribeira emitiu este xoves un comunicado no que amosaba o seu apoio á concentración que a hostalaría vai realizar en Ribeira este venres 15 ás 18:30h e avanzou que “traballará para que o sector poida ter dispoñíbeis diferentes liñas de axuda a nivel galego e local”.
Ao abeiro do devandito, a formación nacionalista lembrou que está a demandar un plan de rescate integral coa suficiente dotación orzamentaria “que debe estar operativo canto porque son moitos os pequenos e medianos establecementos ao límite, que necesitan un salvavidas inmediato antes de verse abocados ao peche definitivo”, salienta o voceiro municipal, Xosé Vázquez Cobas.
O portavoz tamén lembrou como na crise de 2008 destináronse “só en Galiza, 9.000 millóns de euros para rescatar a banca, polo que argumentou se a banca foi rescatada, débese rescatar ao sector turístico e da hostalaría que enchen de emprego e de actividade económica as novas vilas”.
O BNG aproveitou o comunicado de adhesión á marcha deste venres para reivindicar axudas directas para paliar as consecuencias do que cualifican como “feche encuberto”, pois “a Xunta non lles deixa traballar en interior mais tampouco pon as axudas necesarias para que o sector poida sobrevivir, en Galiza case ningún hostaleiro pode vivir só da terraza” alegou Cobas, engadindo que “a situación implica cero ingresos na maior parte dos casos, pero as facturas non están confinadas e seguen chegando puntualmente”.
O Bloque demanda da Xunta 30 millóns de euros en axudas directas para “poder compensar cando menos o 50% das perdas e o establecemento de liñas adicionais de axuda por parte do Concello de Ribeira”. O BNG tamén propón ampliar o prazo dos pagos fraccionados do imposto de sociedades e un IVE reducido do 4% para o sector da hostalería e do turismo.