Fabiola García destaca dende Lousame que a Tarxeta Benvida xa chegou a 67.000 fogares en 5 anos

A conselleira de Política Social, a ribeirense Fabiola García, estivo este 19 de xaneiro en Lousame para dar conta dos recursos que se están a poñer en xogo dende o seu departamento para axudar aos fogares con novas crianzas. En concreto, fixo balance do acadado a través da Tarxeta Benvida, que, segundo dixo, chegou xa a preto de 67.000 galegas e galegos durante os seus cinco anos de vida.

Amais, engadiu que desde 2016 o Goberno galego leva investidos un total de 91 millóns de euros na devandita prestación. No concello de Lousame, a conselleira mantivo unha xuntanza con dúas das familias beneficiarias desta axuda no concello coruñés de Lousame.

Fabiola García sinalou que “esta aposta incondicional continuará durante este ano 2021”. Neste sentido, apuntou que o Diario Oficial de Galicia publica este 19 unha nova orde que destina 32,2 millóns de euros a esta axuda, “e que permitirá que os nacidos neste ano sigan tendo acceso a ela para a compra de produtos básicos como alimentos, cueiros, roupa, berces ou produtos de hixiene e farmacéuticos”.

Tamén destacou os esforzos para que a Tarxeta Benvida chegue “cada vez a máis familias”. Entre outros cambios, ampliouse o prazo para solicitala durante o embarazo; aplicouse un complemento ás familias que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes, ás familias numerosas e ás familias con menos recursos; e adaptou os requisitos para que a poidan solicitar os galegos retornados.

Por outro lado, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta tamén impulsa outras medidas destinadas a, nas súas palabras, “converter Galicia no mellor lugar para formar unha familia”. É o caso, dixo, da gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, que beneficia aos centros autonómicos, privados, de iniciativa social e aos municipais que, como no Concello de Lousame, decidisen adherirse.