As aulas da nosa terra acollerán actividades e vídeos para perder o medo ao teatro

Un intre de Eroski-Paraíso, peza ambientada na que foi a mítica sala de festas Paraíso en Muros

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de presentar un novo proxecto didáctico que ten como finalidade achegar o alumnado ao teatro dende a contorna mesma da súa actividade docente diaria. O proxecto, que conta ao apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Pontevedra, pretende servir de porta de entrada do alumnado cara ao teatro e “servir de guía ao profesorado para a realización de actividades escénicas no espazo escolar”. A iniciativa chámase Escena para todas e inclúe actividades e vídeos para “perder o medo ao teatro”.

Forma parte das actividades da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para promover o coñecemento e o uso da literatura galega nas aulas do país, poñendo en contacto ás e aos estudantes con contidos que están fóra do currículo escolar e ofrecendo unha referencia de actividades ao profesorado.

Inclúe a creación de tres unidades didácticas baixo o proxecto didáctico A vila imaxinada que ofrecen unha parte argumental, vídeos complementarios e unha serie de actividades para realizar na aula.

Contará coa presenza activa do crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco, que explicará algunhas das razóns prácticas para ser espectadoras/es activas/os a partir de tres fragmentos dunha obra que o alumnado poderá ver en liña, Eroski-Paraíso, que a compañía Chévere ambientou no supermercado que hoxe en día ocupa o lugar, en Serres (Muros), da mítica sala de festas Paraíso.

Canto ás restantes unidades didácticas relacionadas, a primeira é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro, desde o momento en que se estrea Os vellos non deben namorarse até agora.

A segunda, da man de Nee Barros, explorará as rúas de Pontevedra como celme de dramaturgas e dramaturgos a través do tempo.

Como terceira publicación didáctica, Miriam Ferradáns achegarase á Pontevedra de Aurora Vidal, no percorrido pola vida da escritora, recuperándose historias de mulleres adiantadas ao seu tempo e da vida teatro que tivo a cidade pontevedresa.

As unidades están apoiadas con vídeos complementarios nos que as/os autoras/es explican os principais argumentos de cada bloque.

As propostas didácticas iranse publicando na web da AELG.