A Deputación da Coruña coopera co Concello de Noia na promoción do sector turístico local

O vicepresidente de Turismo da Deputación da Coruña asinou este martes 5 de xaneiro un acordo de colaboración co Concelleiro da Cultura e Turismo do Concello de Noia, co fin de promover e reactivar o sector turístico do municipio.

A Deputación achega 14.520 euros para a creación da marca turística de Noia, o portal de turismo e a estratexia de mercadotecnia dixital do destino (marketing online). Doutra banda, o proxecto inclúe a impresión de 10.000 dípticos co mapa turístico, rutas e destinos do territorio e un plan turístico para reactivar a hostalaría.

O obxectivo principal desta iniciativa é “visualizar e reactivar o sector turístico”, xa que por mor da COVID – 19 produciuse un gran descenso no número de visitantes.

Segundo o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, “o proxecto trata de poñer en valor o amplo e valioso patrimonio cultural do concello de Noia e mellorar a dinamización turística, principalmente mediante a proxección mediática do municipio a través das novas tecnoloxías”. De feito, o Concello de Noia busca dirixirse a unha nova xeración de turistas que consumen información personalizada a través da Rede. Prima a creación de información que se poda atopar a través dos buscadores habituais ou as redes sociais e que xere opinións que avalan a calidade do destino.

En definitiva, sinalaron, o sector turístico precisa de novas ferramentas de comunicación e de novos recursos de marketing dixital para ofrecer plataformas onde comentar experiencias, achegar opinións doutras persoas viaxeiras, unha maior cobertura informativa e un mellor posicionamento no mercado.