145 novos casos en Santiago- Barbanza. Na Residencia de Maiores de Ribeira hai 78 positivos

A área sanitaria de Santiago e Barbanza suma 145 novos contaxios nunha soa xornada. Os casos activos de coronavirus elévanse a 2.245.

O SERGAS informa este domingo que na Residencia de Ribeira hai 59 positivos entre residentes e 19 traballadores da residencia.

A área sanitaria de Santiago e Barbanza segue sumando novos enfermos da covid a un ritmo elevado, no último parte o SERGAS informa que aumentaron en 145 os casos positivos nunha soa xornada ao dar positivo na proba PCR, alcanzando un total de 2.245 persoas con infección activa, 88 máis que onte.

A maior parte dos pacientes están asintomáticos ou presentan síntomas leves, polo que están illados nos seus domicilios, mentres que un total de 95 afectados permanecen ingresados no hospital Clínico e no HM A Rosaleda (dous).

A cifra de hospitalizados baixou con respecto á xornada anterior, pero hai que ter en conta que onte a última hora Sanidade confirmaba o falecemento de dúas persoas con covid que estaban a ser tratadas no Clínico, o que eleva o total de vítimas mortais na área sanitaria a 222 desde o inicio da pandemia de covid. A área sanitaria de Santiago e Barbanza é a terceira de Galicia máis afectada polo coronavirus, por detrás das da Coruña, que actualmente ten 3.129 casos activos, e Vigo, que suma 2.333.

O pasado venres 15 realizouse un cribado a traballadores do sector comercial da Pobra do Caramiñal no Hospital da Barbanza. Había 100 persoas citadas e acudiron 93, todas foron negativo a Covid-19.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 12.508, deles 3.129 son da área da Coruña, 1.098 da de Lugo, 1.739 da de Ourense, 983 da de Pontevedra, 2.333 da área de Vigo, 2.245 da de Santiago, e 981 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 98 están en UCI, 557 en unidades de hospitalización e 11.853 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 62.251 persoas curadas, rexistrándose 1.503 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.241.661.