
O pulo literario do escritor e profesor rianxeiro Ricardo Losada, autor da moi notábel A casa xunto ao volcán (Galaxia), volve estar de actualidade cunha obra na que volve poñer a mirada no seu concello natal. Así, se na novela A casa xunto ao volcán centrábase en narrar as andainas filosóficas dunha moza adolescente que recala no instituto de Rianxo, acompañando a súa chegada dunhas lecturas que deixarán fonda pegada e que marcarán a súa vida presente e futura, agora Losada decidiu poñer o foco na figura do poeta Manuel Antonio, construíndo unha biografía ficcionada que recrea os últimos meses do autor de De catro a catro.
A obra que reflicte os tirapuxas que lle causou ao poeta, a nivel familiar, a súa disidencia relixiosa, encádrase temporal e xeograficamente en Rianxo e trala volta do escritor-mariñeiro á súa vila logo dunha estadía en Cádiz. Manuel Antonio, gravemente enfermo, negouse en rotundo a aceptar os ritos cristiáns nos seus últimos días de vida.
A novela, titulada O rosario e a buguina, valeulle a Losada o XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega que concede a Deputación da Coruña. Foi a novela escollida polos gañadores da edición anterior, Álex Alonso e Antón Riveiro Coello; a xornalista Susana Pedreira; as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (presidente), así como a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat (secretaria). O xurado salientou “a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo modo de se enfrontar á morte próxima”.
O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou cinco libros, O xene da chuvia (Edicións do Castro), Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (Xerais Edicións) Bótame deste mar fóra (Toxosoutos), Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Editorial Galaxia) e A casa xunto ao volcán (Editorial Galaxia), galardoada co II Premio Viadutos 2019.