Ribeira conmemora o Nadal garantindo o distanciamento e con propostas encamiñadas ao público infantil e familiar

A Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura, preparou unha programación de Nadal adaptada aos tempos nos que vivimos potenciando aquelas accións que non impliquen aglomeracións de persoas nin desprazamentos innecesarios e con propostas especialmente dirixidas ao público infantil e familiar. Por este motivo neste ano, e de xeito excepcional, os espectáculos habituais de Nadal programados no Auditorio transfórmanse en espectáculos online con emisión dos mesmos en directo, vía streaming, a través da canle de Youtube do Concello de Ribeira. “Desta forma”, explica o Concello, “trátase de chegar ao maior número de veciñas e veciños que poderán ver estes espectáculos dende a súa casa nos días sinalados ás 19:00 h”.

Trátase de seis espectáculos que a Concellería quixo seleccionar pola “súa calidade e variedade” (sen desbotar a posibilidade de volver realizalos en vivo o ano vindeiro), deixando “o resto das actividades programadas para unha ocasión futura vendo como evoluciona a pandemia”.

O primeiro destes eventos terá lugar xa este domingo 20 de decembro, dun concerto de Borja Quiza e Fernando Briones, baixo o título A Emigración Galega. Cancións de ida e volta. Trátase dun recital lírico para voz e piano que pretende facer un repaso polas cancións multiculturais que unen ao pobo galego co seu exilio americano en lugares como Cuba, Arxentina ou México. No concerto intercalaranse as cancións máis populares de ambas as ribeiras do atlántico con explicacións das mesmas galando do seu significado ou dos compositores. Este evento é o que este ano a Concellería de Cultura, en colaboración con Cáritas Parroquial, quixo adicar de xeito benéfico a Cáritas Parroquial polo que ao seu remate realizarase a lectura dun manifesto e o tradicional sorteo de agasallos doados polo comercio local.

O seguinte espectáculo será o día 22 de decembro, ás sete da tarde, da man da compañía O Baúl da Tía Tola co espectáculo Lixo, un evento familiar creado a partir de material plástico reciclado como bolsas de lixo, cubertas e esqueletos de tendas de campaña, e coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística, Xunta de Galicia a través do Fonde de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

O sábado 26 á mesma hora emitirase a obra Lambetadas da compañía Talía Teatro, e o mércores 30 de decembro rematarase o ano en Ribeira co espectáculo musical Estación Nadal de Mamá Cabra.

Xa no ano 2021 emitiranse dous espectáculos máis, o 2 de xaneiro a proposta de teatro musical da compañía Avento titulada Umm. Unha comedia musical e o día 3 de xaneiro o Concerto Con Fusión da cía. Píscore.

Tamén está previsto realizar distintas ruadas e animación musical itinerante por Ribeira nas datas máis destacadas desta época a cargo dos grupos de música tradicional do municipio así como de outras formacións musicais ribeirenses. O calendario destas actuacións irase anunciando nos próximos días xa que a súa celebración dependerá da evolución da situación sanitaria do concello.

Ademais desta programación cultural en streaming este ano a Concellería de Cultura tamén apostou por reforzar a decoración de Nadal, complementando a iluminación, con outras propostas de xardinería efímera creadas en colaboración co sector das floristas do municipio, e que se poden ver nas decoracións realizadas na porta de entrada do Museo Municipal, na árbore de Nadal do Parque García Bayón, na praza de Pablo Neruda e na rúa de Galicia preto do Cruceiro da saúde. Estes adobíos tamén chegaron ás parroquias, onde se mellorou e decorou distintas xardineiras arborado no entorno das Igrexas e outros lugares emblemáticos destas zonas.

Amais, en colaboración, con empresas e deseñadores locais, instaláronse elementos decorativos nos que os veciños e veciñas poderán sacarse fotos para o seu recordo, coma o marco photocall na praza do Concello. Tamén son de destacar os Puntos de Recollida de Soños espallados polo municipio onde se colocou unha caixa de correo para recoller as cartas ao Pai Noel e os Reis Magos e un banco decorado cunha frase de Nadal e felicitación. Nestes espazos poderemos sacar fotos e penduralas nunha rede social baixo o cancelo #Ribeiradesoños, enviando despois a ligazón desa publicación e os nosos datos persoais ao correo culturaefestexos@ribeira.gal para entrar no sorteo dunha cea para catro persoas en 2021 nun restaurante do municipio. A listaxe de recunchos pode consultarse no cartel da programación de Nadal en www.ribeira.gal.

Ribeira tamén recibirá a visita do Apalpador, os Elfos e os Paxes Reais, que percorrerán as rúas da cidade os días 24,26,27,28, 29, 30 e 31 de decembro e 2,3,4,5 e 6 de xaneiro en distintos horarios para recoller as cartas dos cativos e agasallar a todos eles con lambetadas e rifas de balde para un sorteo de tres vales de 120€ cada un para o comercio local en combinación coa Lotería do Neno 2021.

Por último, salientar a mensaxe que as Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente envían a todas as nenas e nenos de Ribeira e que vén de ser subida á canle en YouTube do Concello de Ribeira, á web www.ribeira.gal e ás redes sociais.

Tamén se entregou nun pen drive a todos os colexios de Infantil e Primaria do municipio (17). Esta mensaxe será o preludio da chegada dos Reis Magos a Ribeira, prevista para o 5 de xaneiro, dun xeito que está pendente de desvelar por parte da Concellería de Cultura pero sempre garantindo as medidas de seguridade e prevención fronte á COVID-19.

Amais, o domingo 20 de decembro remata o prazo para que calquera veciña ou veciño de Ribeira envíe unha fotografía e a ficha de participación no concurso de decoración de Nadal, así como que os comercios e hostalaría subministren tamén as súas imaxes para participar nos concursos de escaparates e decoración de locais, xa que hai en xogo 1.830 €, deben facelo a culturaefestexos@ribeira.gal no primeiro caso e a turismo@ribeira.gal no segundo.