A Asociación Morreu o Demo, co apoio do Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, ofertan este mes de decembro un obradoiro para introducirnos nas principais técnicas e recursos do teatro con máscaras e monicreques: o obradoiro de Commedia dell ́Arte, taller abeirado ás actividades programadas no festival especializado en títeres tradicionais, Titiriberia. Será impartido por Nando Llera, actor, director e profesor de Interpretación na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, e presidente da Asociación Galega de Commedia dell’Arte Indignati.
As persoas participantes poderán iniciarse nas técnicas básicas do que se coñece como Commedia dell’Arte, xénero teatral xurdido na Italia no século XVI e que se caracteriza polo uso de bonecos, monifates ou máscaras e por abordar temáticas humorísticas para públicos de todas as idades.
As persoas participantes no taller traballarán moitos dos elementos en común cos monicreques de cachaporra, técnicas básicas de loita escénica, traballo coa máscara, construción dos personaxes (Arlequino, Colombina, Pantalone, Dottore, Capitano, Enamoratti…) a través da composición física, e rematarán facendo pequenas improvisacións e postas en escena propias.
O obradoiro celebrarase o sábado 26 e o domingo 27 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Desenvolverase no Centro Sociocultural A Capela do Araño, sendo o prezo da inscrición de 30 euros (con 50% de desconto ás persoas do grupo de teatro amador Airiños de Rianxo).