Os Apalpadoriños recalan nas rúas de Rianxo o 26 de decembro

Ao abeiro do programa de actividades de Nadal do Concello de Rianxo, o vindeiro sábado 26 de decembro celebrarase o espectáculo itinerante de danza, música e teatro Os Apalpadoriños. Virá da man de Nelson Quinteiro Producións e o seu equipo e celebrarase nas rúas da propia vila de Rianxo a partir das 17.30 horas.

O espectáculo incluirá unha ruada directamente arribada a Rianxo dende os montes do Courel (Lugo). Participarán o Xigantón do Apalpador e máis a Apalpadora Xigante, dous monifates de máis de 3 metros de alto aos que acompañan Os Apalpadoriños, elfos rústicos e axudantes destes personaxes que propoñen un xeitoso espectáculo, tanto itinerante e de ruada como de sala, praza, carpa ou escenario.

Os Apalpadoriños son músicos, bailaríns, animadores, e propoñen unha festa moi animada a través de música galega, as panxoliñas, os cantos de reis e os xogos rítmicos e de movemento.

Haberá, como dixemos, música, danza, contos e xogos de participación en galego, cun repertorio de panxoliñas e cantos populares adaptados á figura do Apalpador, entre os que se contan Os Pitiños, O pelo Roxiño, Ghedellos de Cabra, Miñas Cousas, Nun Bou ou O Malhao.

A iniciativa forma parte dunha viaxe pola xeografía galega chea de agasallos e sorpresas.

Esta proposta forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.