O Concello e o CEP Brea Segade de Taragoña recollen nun cancioneiro popular o rico patrimonio musical e oral rianxeiro

18 Decembro 2020

O vindeiro luns 21 de decembro, ás 11.30 horas no CEP Brea Segade de Taragoña, o Concello de Rianxo e o CEP Brea Segade de Taragoña presentarán o libro titulado Cancioneiro escolar urxente de Rianxo, unha obra que nace coa vontade de “recuperar o patrimonio cultural, musical e lingüístico da vila”, xa que nela recóllense cantigas, partituras e historias dunha manchea de composicións rianxeiras que, ou ben non estaban recollidas documentalmente en ningures, ou o acceso a estas non resultaba moi doado. O cancioneiro é un proxecto escolar que se porá a disposición de toda a veciñanza. Recóllense creacións populares en galego de moi diversa índole: ciclo festivo, cantos infantís e arrolos, cancións emblemáticas, ritmos bailábeis, fiadas e seráns, pregarias e esconxuros e cantiga social.

Segundo explica o Concello, o volume foi coordinado polo docente e investigador musical José Luís do Pico Orjais e pretende servir á vez “de guía e de ferramenta de traballo para que os diferentes axentes municipais implicados na divulgación do patrimonio musical e cultural de Rianxo o poidan empregar nas súas aulas e sesións”. Por exemplo profesorado de música dos centros de ensino, asociacións culturais e musicais do concello, a Escola de Música, a Aula musical da UNED Senior, etc. O Concello salienta, neste senso, o importante valor cultural, social e académico do proxecto.

Para a cidadanía en xeral, o volume vai a estar á súa disposición a través da Biblioteca Municipal e das bibliotecas escolares, aínda que tamén se poderá descargar desde a páxina web do Concello de Rianxo.

Os contidos do libro estarán ademais, vencellados a outros de tipoloxía dixital que o colexio CEP Brea Segade e o Concello de Rianxo porán a disposición de quen os desexe empregar: unidades didácticas, actividades escolares, arquivos de audios e vídeos coas interpretacións das cantigas, etc.

Na presentación do luns 21 de decembro participarán a directora do colexio, Alma Caamaño Romero, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez e o coordinador da obra, José Luís do Pico Orjais. Logo, o alumnado do CEP Brea Segade interpretará algunha das cantigas recollidas no volume.

A asistencia ao acto, por mor das medidas derivadas da alerta sanitaria, estará limitada a aquelas persoas que dalgún xeito están vinculadas ao proxecto.

O proxecto de edición desta obra foi impulsado conxuntamente polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo e a comunidade escolar do CEP Brea Segade de Taragoña.

Outros artigos

Volve o programa Rianxo Termal con tres novas saídas

O Concello de Rianxo, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xeira de tres novas saídas ás Termas de Cuntis nos meses de outubro, novembro, decembro destinadas a persoas maiores de 50 anos empadroadas no noso municipio. As saídas encádranse na nova...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.