O Concello de Lousame fai un chamamento a participar na andaina solidaria da Asociación de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH)

O Concello de Lousame fai un chamamento á inscrición por parte dos veciños na andaina solidaria con ASGPOH. A día de hoxe a actividade conta con 37 participantes, mentres que o cuarto Trail San Silvestre de Lousame, o Castelo de San Mamede, conta cun total de 209 inscritos.

O trail, que se celebra o vindeiro 27 de decembro no espazo natural de San Lourenzo (Tállara, Lousame), divídese en dúas categorías ou distancias. Así, o percorrido longo de 25 km, con saída ás 10:00 horas, de dificultade media e cun desnivel aproximado de 1.000 metros, conta con 116 das súas 200 prazas ocupadas. Doutra banda, o itinerario curto de 14 km e con saída as 11:00 horas, é de dificultade media-baixa e conta cun desnivel de 500 metros e 1.000 metros de desnivel acumulado. A inscrición segue aberta ata as 23:59 horas do domingo 20 de decembro a través do portal www.emesports.es .

Por outro lado, o evento que corresponde á andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva non tivo a mesma resposta por parte dos veciños. Despois dun mes de inscricións abertas, só se rexistraron 37 participantes, dun máximo de 300. Por este motivo, o concelleiro de Deportes de Lousame, Jesús Martínez Castro, fai un chamamento á participación na actividade: “A andaina é un evento solidario a favor de ASGPOH, polo que todos os cartos que se recaden serán destinados á investigación desta enfermidade rara”. Ademais, dende o Concello lembran que “existe o Dorsal 0 para poder colaborar co seu donativo, sempre a partir de 1 euro”.

Esta será a cuarta edición da andaina e do Trail San Silvestre de Lousame, que por primeira vez non terá lugar na contorna das minas de San Finx. Todas as probas desenvolveranse baixo un estrito protocolo por mor da COVID-19. A entrada e saída estará controlada, así como a máscara será de uso obrigatorio para os participantes ata o inicio do evento.