Lousame aprobou este luns os Orzamentos para 2021

O Concello de Lousame convocou este luns 28 unha sesión da Corporación na que se aprobaborn os Orzamentos Municipais para 2021, que contan cun investimento de 3.849.892,07 euros. Isto foi conseguido polos votos do PP e PSOE, xa que o BNG sitiouse en contra da proposta.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “é un orzamento garantista e realista, poñéndose sempre na peor das situacións”. Doutra banda, destacou que “o 23% do orzamento municipal vai para Servizos Sociais e o gasto corrente increméntase ata o 43%, polo que esforzo orzamentario en Servizos Sociais é moi reseñable”.

A proposta, dixo, cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria e o límite de débeda, ademais de obedecer a regra de gasto (aínda que este ano non é obrigatoria). En xeral, o Concello destinará aproximadamente 885.000 euros a Servizos Sociais, 1.216.699,54 euros a gasto corrente, 523.000 para gastos sociais e 14.400 euros a gastos financeiros. A alcaldesa salientou que “Lousame conta cun aforro neto positivo de 102.633,20 euros, así que seguirán coa contención do gasto e facendo o esforzo de axilizar a tramitación de facturas para manter o período medio de pago por debaixo dos 30 días”. Do mesmo xeito, mencionou “que as contas en 2021 terán un superávit orzamentario de 28.662 euros, que se situará por riba dos 4.580,70 euros contemplados no Plan Económico Financeiro 2020-2021”.

En canto os investimentos reais, a cantidade ascende a 1.331.810,78 euros, incluíndo así as actuacións en infraestruturas demandadas polos tres grupos municipais: a mellora do viario á Escabia, a pavimentación do viario no núcleo de Vilar, a pavimentación do acceso a Abelendo e do camiño Barreira-Guiende. Tamén dos accesos a Cerquides e nos camiños do Cruce do Peital a Fruíme, de Quintáns a Horta Cairo e de Camporredondo a Fontefría. Igualmente, introdúcese o perfeccionamento na captación e abastecemento de auga ao lugar de A Silva. A maiores, unha renovación de luminarias en todo o municipio, o acondicionamento da pista polideportiva de Vilacoba, o arranxo das cubertas dos lavadoiros de Merelle e A Barreira e a expropiación dos terreos para o sendeiro Ponte Abelendo-Caraveiras. Por outra parte, recóllense os incrementos do equipamento no Punto de Atención á Infancia e no Centro de Día, ademais da substitución do alumeado no propio Centro de Día e na Casa da Cultura.

Teresa Villaverde sinalou que “o Concello tivo que adiantar en xullo preto de 168.000 euros correspondentes á primeira fase de alumeado e o IDAE aínda non os reintegrou”. Se para o ano se quere acometer a segunda fase, fala dunha achega de 509.000 euros, o que suporía contratar unha operación bancaria para ter liquidez e proceder ao pago da obra, previo á liquidación que despois ten que facer o IDAE. Porén, fixo fincapé en que “non teñen ningunha operación financeira cos bancos, nin a longo nin a curto prazo” e lamentou que “este tipo de contratos nos que os concellos teñen que adiantar os cartos é unha limitación e unha discriminación, sobre todo para os concellos pequenos , debido a que non posúen a mesma liquidez ca os concellos grandes”.

No referente ós soldos, estes aumentaron un 0,9%. Continúase traballando na Relación de Postos de Traballo, que podería estar lista a finais do primeiro semestre de 2021.

No debate, houbo discrepancias en relación ós orzamentos. Beatriz González, portavoz do PSOE, preguntou pola ausencia nos orzamentos de inversións na mellora do servizo de Internet e telefonía en Lousame. A súa vez, o voceiro nacionalista, Anxo Moledo, xustificou o seu voto en contra, pois “non son os orzamentos que faría o BNG, xa que tiñan que ser uns orzamentos máis sociais, onde se destinaran máis cartos a axudas para a xente sen recursos”.