Investigadores da USC elaboran mapas de risco da COVID-19 para coñecer como se está a propagar o virus

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social da USC, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos para este programa.
Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa:
https://www.usc.gal/gl/micromecenado/proxectos/microdoazons.html .
Un dos proxectos que está a recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o dirixido por Ángel Miramontes desde o Idega -Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia-. Un equipo integrado na súa maioría por xeógrafos e analistas territoriais pero tamén por enxeñeiros e economistas, traballa desde o inicio da pandemia na xeración dunha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais e Galicia, unha ferramenta moi útil de cara a toma de decisións. Este proxecto está ademais financiado pola Axencia Galega de Innovación -Gain-.

O Sergas proporciónalles os datos relativos aos contaxios, que os investigadores vencellan cunha gran cantidade de información de tipo territorial da que dispoñen: municipios, catastros, demografía, envellecemento poboacional, dispersión da poboación… e outros máis concretos como a localización de farmacias, hospitais e centros de saúde, liñas de autobús, mobilidade da poboación… Tamén empregan variables socioeconómicas como o PIB. A finalidade é coñecer como se comporta o virus, xa que varía moito dun concello a outro ou mesmo dentro dunha mesma poboación. “O tratamento da información é moi laborioso, cómpre depurala e xeorreferenciala” -indica o investigador principal do proxecto-.

O equipo xera mapas e informes temporais -semanais e quincenais- que permiten coñecer como aumenta ou diminúe un determinado foco de contaxio, ao tempo que explican as causas que provocan cada situación. Envían estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, o que serve de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada intre. Unha radiografía perfecta da evolución da pandemia Nun primeiro momento os investigadores do Idega realizaron análises territoriais do
comportamento da COVID-19 en toda Galicia. Agora estanas a desenvolver a outras escalas, con máis detalle, depurando os datos da información territorial coa que contan.

Así, tamén se centran nas sete cidades galegas e nas áreas rurais máis significativas, xunto con aqueles puntos nos que se localiza un maior número de focos de contaxios. O obxectivo deste proxecto a longo prazo é, unha vez que remate a pandemia, dispor dunha radiografía perfecta de como foi evolucionando e todos os cambios que se foron producindo no caso concreto do territorio galego. Deste xeito, entre outras posibilidades,
os datos particulares do coronavirus poderán combinarse cos doutras enfermidades como a gripe, posto que a cartografía de risco que están a xerar ofrece unha capacidade de análise moi ampla.
O equipo da Universidade de Santiago colabora con outros xeógrafos e analistas territoriais doutros puntos de España, Portugal, América, Sudamérica e mesmo de Corea co fin de coñecer a realidade a escala mundial.
A participación da sociedade na investigación Ángel Miramontes salienta que “esta investigación ten unha clara repercusión territorial e social, de aí a importancia de que a sociedade teña coñecemento do que se está a avanzar neste eido. Pero tamén interesa que a sociedade e os axentes económicos se impliquen neste proceso a través de accións como o micromecenado porque é un bo xeito de contribuír á calidade máxima da investigación”.