O Concello de Boiro, grazas ao financiamento da Deputación Provincial
da Coruña e a colaboración da Asociación Boirense de Empresarios puxo en
marcha un programa de formación- aceleración de empresas Emprende Lab Barbanza que comezou no mes de setembro. Dez proxectos, dos dezaoito participantes no programa, foron seleccionados para pasar á segunda fase, a aceleración, tras a xornada ‘Demoday’ celebrada a pasada semana.
Entre as iniciativas emprendedoras seleccionadas están Fortem Hub,
unha proposta formativa para persoas de colectivos vulnerables. Tamén está Laflora, unha iniciativa para a produción musical e as iniciativas
emprendedoras. Orenpay, que desenrola unha aplicación móbil para o sector hostaleiro que permite ver a carta ou facer un pedido mediante códigos QR. E- commerce, de regalos personalizados. NadadeNada, un proxecto téxtil.
Arándanos Barbanza, unha iniciativa de agricultura ecolóxica. Esteos, un
proxecto de tecnolóxico baseado no Internet das cousas para simplificar os
procesos produtivos das empresas e minimizar custes. GastroLab Arousa,
unha escola de cociña cun espazo gastronómico orientado á formación e ás
demostracións culinarias en directo. Naturalmente, unha proposta de terapias alternativas para o coidado usando produtos naturais. Fashion School, unha escola de corte e confeccións online.
Para a selección dos proxectos que pasan á seguinte fase, o xurado tivo
en conta a madurez do proxecto alcanzado nesta primeira fase de formación, seguindo criterios como a súa posta en valor, a definición do mercado ao que vai dirixido, o modo de comercialización ou a escalabilidade. Tamén o potencial de crecemento do proxecto, a súa capacidade para chegar a outros mercados, para mellorar a calidade de vida do territorio ou a capacidade de xerar impacto económico.
Os dez proxectos seleccionados do programa Emprende Lab Barbanza
pasan agora a unha segunda fase, a de aceleración. As persoas
emprendedoras teñen á súa disposición as instalacións do espazo Coworking para seguir traballando na posta en marcha dos proxectos, así como recibir asesoramento personalizado para os seus proxectos.