Axóuxere lanza un ensaio de Helena Domínguez sobre a manipulación mediática á que foi sometida Resistencia Galega

03 Decembro 2020

Axóuxere, o selo editorial de Rianxo, comezou decembro cunha importante novidade no seu catálogo de ensaios, trátase de A construción mediática do conflito, O caso da Resistencia Galega, de Helena Domínguez García e con prólogo de Carlos Taibo. Sae na colección Poliminia e ten a súa orixe na necesidade de clarificar conceptos (moi emsonbrecidos ao longo destes anos polos medios de comunicación) sobre a suposta emerxencia do terrorismo en Galiza. “Estes relatos”, explícase na capa do libro, “foron tecidos arredor da suposta existencia dun grupo terrorista organizado baixo o nome de Resistencia Galega” e remataron por xerar “un progresivo conflito sumamente represivo fundamentado nunha relación dinámica entre manipulación informativa en conivencia co poder político e execución operativa de coerción social”.

Polo tanto, a obra de de Helena Domínguez chega nun intre relevante, “dado o recente xuízo a doce activistas políticxs galegxs, ligadxs co independentismo”. A autora, Helena Domínguez García, aborda nel o tratamento de Resistencia Galega nos medios de comunicación e axuda a analizar criticamente o conflito identitario en Galiza, as polaridades político-sociais creadas no seu contexto, así como tamén o impacto que exerceron os medios na conformación dun imaxinario terrorista que crebaba o clixé de pobo amansado e desmobilizado amplamente recreado histórica e discursivamente.

Estamos ante un libro que, como sinala no prólogo o politólogo Carlos Taibo, “nos aproxima a uma matéria proscrita e que contribui poderosamente a fortalecer os conhecimentos que tínhamos, no melhor dos casos, por via da intuição”. Un ensaio que examina a realidade galega baixo “un prisma local e universal simultaneamente”, e que se apoia nun compendio de literatura científica arredor de temas como o nacionalismo, a identidade, o terrorismo, a construción do discurso e a mediatización dos conflitos.

Helena Domínguez García (Illa de Arousa, 1977) é licenciada en Ciencias da Información e doutora en Comunicación e Xornalismo pola USC cunha tese sobre a construción do conflito político na prensa galega. Durante dúas décadas desempeñou diversos traballos no ámbito do xornalismo que a levaron a un longo periplo por cidades como Santiago de Compostela, Barcelona, Pontevedra ou Lugo, entre outras, exercendo actualmente como docente e residindo na súa vila natal. As súas liñas de traballo como investigadora xiran arredor dos movementos sociais, a identidade cultural, o nacionalismo galego e os medios de comunicación alternativos, tendo participado como relatora en diversos congresos e publicado artigos en revistas de carácter nacional e internacional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...