Alba Domínguez: “Como fotógrafa pretendo amosar a realidade que están a vivir as persoas migrantes neste contexto tan complicado”

Alba Domínguez nos bosques nevados de Velika Kladuša

Falamos con Alba Domínguez, unha moza de 22 anos metade de Compostela metade de Castiñeiras (Ribeira), onde reside grandes tempadas dende sempre e onde atopa o seu refuxio persoal cando chegan embates coma a do coronavirus. Alba atópase en Bosnia como voluntaria dunha ONG que se chama No Name Kitchen (NNK), unha man estendida cara aos tan esquecidos refuxiados nestes tempos nos que só nos preocupa cal é a máscara máis efectiva fronte á COVID-19 ou cal será o mellor agasallo para este Nadal.

Cámara en man, pois ela é fotógrafa, Alba foise cara a Velika Kladuša, terra de ninguén para xentes que percorren centos de quilómetros, coa intención de reflectir a través do seu ollar a difícil situación que viven estas persoas para lembrarnos que os refuxiados aínda están aí fóra malia a crise sanitaria na que estamos mergullados, malia que esteamos ás portas do Nadal… Familias enteiras con crianzas seguen camiñando baixo a neve, no medio dun inverno cru, totalmente desprotexidos, dende o punto de vista climatolóxico e humanitario.

Alba que foi o que che levou á ONG No Name Kitchen?

-Sempre fun unha persoa moi curiosa e interesada nos conflitos que hai arredor do mundo, así como nas crises migratorias en xeral. Dende que comecei a estudar fotografía en 2018 pregunteime como podía vincular o meu traballo como fotógrafa e ao mesmo tempo facer algo que de algún xeito puidera aportar algo ás persoas en situacións desfavorecidas, ou simplemente como podía dar a coñecer outras realidades coas que moitas de nós non estamos familiarizadas. Xa sexa porque son cousas que non interesa amosar nos medios ou porque fican moi lonxe de nós e non hai moita información ao respecto.

Hai ano e medio aproximadamente coñecín o traballo de No Name Kitchen a través das súas redes sociais (@no_name_kitchen). Gustoume moito a súa maneira de amosar a realidade da crise migratoria da Ruta dos Balcáns e a transparencia coa que traballan. En 2020 decidín poñerme en contacto con eles para ser voluntaria en Bosnia e Herzegovina, un dos países nos que achegan axuda ás persoas refuxiadas. Agora traballo como voluntaria dende o mes de outubro nunha pequena cidade chamada Velika Kladuša, na que ademais de apoiar ás persoas en movemento tentando cubrir as súas necesidades básicas, tamén levo a comunicación e as redes sociais para dar voz ao que está a pasar aquí.

-Que atopaches ao chegar a Velika Kladuša?

Ao chegar aquí atopeime cun marabilloso equipo de voluntarios e voluntarias que traballan con moita enerxía e paixón co obxectivo de dar un pouco de dignidade á situación inhumana e inxusta que sofren as persoas migrantes na ruta dos Balcáns.

Velika Kladuša é unha pequena cidade preto da fronteira con Croacia, polo que é un lugar no que hai unha gran concentración de persoas migrantes de moitas nacionalidades. A meirande parte destas persoas foxen de conflitos nos seus países de orixe para tentar buscar unha vida segura e digna nalgún lugar da Unión Europea no que poidan solicitar asilo e lles sexa concedido. Esta pequena localidade é unha das portas á Unión Europea, pero cando as persoas chegan aquí, atopan esta porta pechada e son recibidas con violencia e abusos.

A realidade que están a vivir estas persoas é moi dura. Atópanse atrapados en Bosnia. Hai miles de homes que viaxan sós, moitas veces menores, e tamén familias enteiras. En cada intento por alcanzar Croacia, teñen que atravesar a fronteira de noite, agochados no bosque e con temperaturas baixo cero, unha vez chegan a territorio Croata sofren o que chamamos un pushback. Un pushback é unha deportación ilegal, na que as persoas son devoltas ao país precedente sen ningún tipo de proceso legal ou dereito humano. Asemade, na maior parte das ocasións sofren unha violencia brutal por parte da policía croata: son torturados, obrigados a espirse, humillados, quítanlles todas as súas pertenzas, quéimanllas, róubanlles o diñeiro e os seus documentos de identidade para dificultarlle calquera proceso legal… O resultado son centos de persoas que teñen que retornar camiñando cos pés espidos, feridos, sen teléfono móbil co que usar o GPS… co engadido de que estamos en pleno inverno.

Por outra banda, as persoas que se atopan aquí non teñen outra opción que durmir nos bosques, en tendas de campaña improvisadas ou en edificios abandonados.

Para entender un pouco porqué esta xente non está nos campos de refuxiados (xa que moitas persoas preguntaranse: “e por que simplemente non van a un campo de refuxiados?”) cómpre informar que os campos de refuxiados do Cantón de Una Sana, ao cal pertence Velika Kladuša, non admiten máis persoas por decisións políticas. Estes campos están pagados con fondos da Unión Europea e atópanse por debaixo das súas capacidades. Malia isto, centos de persoas dormen á intemperie e moitas outras tentan saltar o gran valado dos campos durante a noite, para poder durmir no chan, baixo un teito. Isto é moi perigoso e non é a primeira vez que unha persoa morre ao tentar acceder deste xeito ao campo, mais a desesperación destas persoas sumada a inacción dos gobernos empurran ás persoas a facer cousas así.

As persoas migrantes coas que traballamos non teñen acceso a ningunha das necesidades básicas, e isto é o que nós queremos solucionar. Amais de prover con comida a máis de mil persoas, tamén facemos distribucións de roupa, produtos de hixiene e contamos cun programa de saúde no que acompañamos ás persoas ao dentista ou ao oculista. Asemade, NNK forma parte dunha rede chamada Border Violence Monitoring Network, na que xunto con outras organizacións, recollen o testemuño das persoas que sufriron este tipo de abusos para que as súas historias non fiquen esquecidas e poder denunciar o acontecido.

-Que lle dirías á xente que quere axudar aos refuxiados e refuxiadas e non sabe de que xeito facelo?

Primeiramente, se a situación persoal de cadaquén o permite, animo ás persoas a ser voluntarias en terreo e axudar directamente. Sempre fan falla mans e xente con enerxía, tanto en Bosnia como en Serbia, Grecia… Esta é unha experiencia que abre moito os ollos e fai entender un pouco máis a situación das persoas en movemento.

Se non podes ser voluntaria en terreo hai moitos xeitos de axudar dende casa. Dende facer unha doazón na páxina web da No Name Kitchen ou apoiar o proxecto de ‘Saúde en Movemento’. Tamén podes organizar unha colecta de roupa na túa cidade, mercar un calendario de Nadal solidario enviando un e-mail a 2021@nonamekitchen.org.

E por último, e non menos importante, tamén podes dar a coñecer a situación das persoas migrantes na Ruta dos Balcáns e visibilizar o que está a pasar. Apoiar proxectos como No Name Kitchen tamén consiste en axudar a dar voz ás persoas refuxiadas.

-A axuda emprestada por ti é ben importante pois como fotógrafa podes trasladar o que ves ao resto do mundo, supoño que dar visibilidade a este problema é algo decisivo para solucionalo? Ver para crer…

Como fotógrafa pretendo amosar a realidade que están a vivir as persoas migrantes neste contexto tan complicado. Penso que a visibilidade é algo moi importante, xa que as persoas refuxiadas levan sendo silenciadas durante anos. Non sei se é algo decisivo, pero dende logo creo que pode espertar conciencias. Nunca é agradable ver como outra persoa sofre polo só feito de buscar un país seguro, e unha fotografía é unha mensaxe moi clara e directa que pode dicir moito en poucos segundos.

Penso que para que esta gran crise se solucione precisamos da implicación dos gobernos, que até o momento están a eludir responsabilidades e poñendo en risco a vida de miles de persoas. E creo que exercer presión, amosando o que está a acontecer aquí, pode ser unha chamada de atención para que se tomen cartas no asunto. Aínda que lamentablemente, queda moito camiño por percorrer para que isto se solucione…

-As voluntarias e voluntarios de ONG’s tedes unha fortaleza abraiante, pois presenciades situacións moi duras… Cres que a axuda por parte dos gobernos, ONU, etc, está á altura da situación ou pola contra as inxustizas vividas a diario fan que pensemos en que a solución a este problema está nas mans da xente?

É triste dicilo pero a solución non pode estar nas nosas mans, xa que o que facemos nós aquí é tentar que estas persoas leven do mellor xeito posible a terrible situación que están vivindo, mais non estamos proporcionando o que levan anos pedindo á Unión Europea: asilo. Esta situación é insostible e os gobernos non deixan de facela máis complexa, facendo que a axuda humanitaria sexa cada vez máis imposible de achegar, pechando o acceso aos campos de refuxiados, etc. Ningún organismo político está dando unha resposta que estea á altura da gravidade da situación.

-Estamos no Nadal, época de consumismo… En Velika Kladuša o Nadal será ben diferente ao habitual, o idílico deixa paso á necesidade de atopar un teito para acubillarse, un lume para quentarse, comida… Isto fai que reparemos nos aspectos que son realmente importantes da vida Cales son as prioridades aí onde estades?

A prioridade agora mesmo é poder seguir facendo distribucións de roupa de abrigo e poder proporcionar comida a todas as persoas que se atopan tanto en Velika Kladuša como en todos os lugares nos que No Name Kitchen traballa. Para isto, o máis doado é facer unha doazón na súa páxina web, doazón que pode converterse nun saco de durmir ou nun prato de comida quente para algún neno, nena ou adulto refuxiado este Nadal.

Alén disto, se queres facer un agasallo solidario nestas datas, No Name Kitchen está a vender uns calendarios ilustrados por artistas marabillosos, e cuxos beneficios irán integramente para apoiar ás persoas refuxiadas.

Fotos: Alba Domínguez Pena (@albabugg)