A Fundación RIA colaborará coa UDC en materia de sustentabilidade, territorio e paisaxe

A Fundación RIA, con sede en Corrubedo e impulsada polo arquitecto inglés David Chipperfield afincado na dita vila ribeirense, vén de asinar un acordo de colaboración coa Universidade da Coruña (a UDC) para “traballar conxuntamente e intercambiar experiencias nos eidos da investigación, a cultura e a docencia da Arquitectura”. O convenio foi formalizado este luns polo proio arquitecto e e máis polo reitor da UDC, Julio Abalde.

Mediante este protocolo, a Universidade da Coruña e a Fundación RIA pretenden contribuír de forma colaborativa á planificación e xestión sustentábel do territorio galego e ao intercambio, creación e transferencia de coñecementos, en particular daqueles propios da formación en arquitectura, territorio e paisaxe. Ambas as dúas partes consideran necesario “un maior achegamento entre a universidade e os ámbitos social e laboral, para facilitar a futura inserción laboral do alumnado universitario egresado mediante programas académicos coordinados”.

Neste senso, a Universidade da Coruña pretende aproveitar a experiencia acumulada da Fundación RIA no referente ás metodoloxías de participación cidadá, traballo de campo e implicación de diversos axentes na toma de decisións. Ademais, quere aproveitar a súa capacidade para conectar “a investigación e formación académica con casos de estudo reais e concretos e, deste modo, potenciar o valor da educación pública como servizo á sociedade, devolvendo parte do investimento en forma de investigación e propostas de proxectos”.

Para o presidente da Fundación RIA este convenio constitúe “unha oportunidade para traballar con futuros arquitectos coa idea de que a arquitectura non é só construír edificios senón que é facer sociedade”. Tanto Chipperfield como Abalde concordaron na visión de reconstrución da sociedade post pandemia “cun deseño que terá que facerse desde múltiples perspectivas e diferentes disciplinas”.

A Fundación RIA

A Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) é unha organización sen ánimo de lucro promovida dende Corrubedo polo arquitecto británico David Chipperfield que iniciou a súa actividade en 2016 para contribuír a unha planificación e xestión sustentábel do territorio galego, poñendo de relevo o equilibrio existente na nosa terra entre medio ambiente, sociedade e aproveitamento dos recursos naturais. Entre os traballos levados a cabo recentemente pola Fundación RIA atópanse o proxecto de rexeneración urbana da estrada AC-305 ao seu paso por Palmeira, en Ribeira, para a Axencia Galega de Infraestruturas; ou o Laboratorio Ecosocial do Barbanza (barbanzaecosocial.org), desenvolvido xunto co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Banco Santander.