
O Noia Portus Apostoli conseguiu a súa cuarta vitoria consecutiva logo de derrotar ao Rivas Futsal por 5-1 cunha primeira metade case perfecta. O equipo noiés volvía ó seu feudo logo de xogar durante dúas xornadas como visitante, para recibir a un Rivas Futsal que chegaba á vila noiesa moi minguado polas baixas acumuladas.
O público citado no Municipal Agustín Mourís presenciou un primeiro período impecable por parte do conxunto local. Os primeiros vinte minutos foron dun total dominio do Noia FS que buscou permanentemente a portería defendida por Merino, xogador do filial do equipo madrileño. Nos primeiros cinco minutos o cadro de Marlon Velasco avisaría nun par de ocasións, para que finalmente fora Lluc o encargado de abrir o marcador cun xute coa perna esquerda tras unha xogada a balón parado. A partir dese momento comezou o vendaval noiés. Un error na media pista do Rivas-Vaciamadrid provocou que o lucense Pirata batera por abaixo ó gardaredes madrileño. Só pasaran 7 minutos cando Rodri materializou outra xogada a balón parado para subir o terceiro tanto ó marcador.
Co 3-0 no electrónico, o Noia FS buscou a portería rival a partir dun xogo elaborado de pases, con moito ritmo e creando un gran número de ocasións, que foi ovacionado polos afeccionados noieses alí presentes. Xa nos intres finais dos primeiros vinte minutos, Rodri cunha gran volea noutra xogada de estratexia deseñada por Marlon Velasco, e Pirata cun dobre penalti, fixeron o cuarto e o quinto gol para irse ó túnel de vestiarios co resultado de 5-0. Encontro encarrilado.
A segunda parte careceu do ritmo trepidante que lle imprimiu o Noia Portus Apostoli ao inicio do encontro, e o Rivas Futsal aproveitouno para acercarse á meta defendida por Álex Pérez. O partido, a pesar de ser de guante branco, comezouse a trabar e as faltas sucederíanse no bando noiés, que tivo que xogar os últimos oito minutos con cinco faltas. Froito disto, e tras un par de ocasións do conxunto local, os noieses cometerían a sexta falta que permitiu a Rafita facer o gol da honra para o equipo madrileño que significaba o 5-1 definitivo.
“Estivemos bastante ben, minimizamos as situacións de erros co balón e estivemos ben en defensa, ataque e a balón parado”, valoraba Marlon Velasco ao final do encontro unha nova vitoria para o Noia Portus Apostoli que o mantén na cabeza da táboa clasificatoria da Segunda División do Grupo 2. Un Noia FS que visitará a vindeira semana ó CD Leganés coa intención de seguir coa boa dinámica.